Friday 22 de November de 2024

A Xunta presenta unha edición FAcsíMILE da derradeira obra da poeta Luísa Villalta


— O secretario xeral de Política Lingüística participou na presentación de ‘Luísa Villalta. As palabras ingrávidas’, editado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu esta mañá no Pazo de San Roque ao acto de presentación do libro Luísa Villalta. As palabras ingrávidas, editado pola Xunta de Galicia a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O volume recupera o proxecto no que a escritora e profesora coruñesa traballaba cando a morte a sorprendeu de forma prematura hai 17 anos.

O representante de Cultura, Educación e Universidade declarou que o Centro Ramón Piñeiro “ten a honra de ser o depositario do legado de Luísa Villalta e quere corresponder á confianza depositada nel contribuíndo a difundir a obra dunha autora cuxa relevancia na literatura galega é cada vez máis patente”.

Canda Valentín García interviñeron no acto, que incluíu un emotivo recital de varios textos da autora, María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá, respectivamente, de Luísa, e Armando Requeixo, editor do libro e estudoso da autora.

Escritora, música e mestra
Luísa Villalta. As palabras ingrávidas é a materialización do derradeiro traballo da poeta, pois recolle poemas escritos da súa man apenas unhas semanas antes do seu pasamento. O Centro Ramón Piñeiro, que desde o pasado 2018 atesoura os materias aínda inéditos de Villalta, exhuma agora este libro nunha edición preparada polo investigador e crítico literario Armando Requeixo.

O volume, con formato de almanaque e presentado nun estoxo, recupera o traballo de Luísa en edición facsímile e engade unha transcrición completa dos textos manuscritos, amais dun amplo estudo introdutorio que constitúe a primeira aproximación integral tanto á biografía coma á poética da escritora.

Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) é unha das voces máis importantes da literatura galega do tránsito do pasado ao presente século. Licenciada en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela e titulada superior en violín, exerceu como profesora de Lingua e literatura galegas no IES Isaac Díaz Pardo de Sada e formou parte da Orquestra de Santiago de Compostela e, máis tarde, da Xove Orquestra de Galicia, así como de diversos grupos de cámara galegos.
Como poeta a súa relevancia é unanimemente recoñecida e aínda cómpre sumar a este labor as súas destacadas contribucións nos eidos do ensaio, a dramaturxia, a narrativa ou a tradución, que fan dela unha das autoras máis polifacéticas do seu tempo. Dan boa conta da importancia da súa escrita poemarios como Ruído (1995), pezas teatrais como As certezas de Ofelia (1999), obras narrativas como As chaves do tempo (2001), ensaios como Libro das colunas (2005) e traducións como Manifesto por un novo teatro, de Pier Paolo Pasolini.