— A Xunta convoca este concurso dentro do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia, Eduemprende
— Cada equipo de estudantes debeu elaborar a partires dunha idea, un proxecto de empresa
A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución do concurso eduEmprende Idea 2021, dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño. Resultaron galardoados neste certame que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade convoca no marco do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia, Eduemprende, alumnado de centros de Vigo, Ponteareas e A Coruña.
O obxectivo do certame é fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado a través da elaboración de proxectos empresariais concretos, aproveitando as experiencias empresariais coas que entran en contacto mediante visitas a asociacións ou federacións de empresas.
Premiouse os tres mellores proxectos de empresa de cada modalidade, unha dirixida a ciclos de grao superior e outra a ciclos de grao medio. Nas dúas modalidades o premio consiste na incorporación a un viveiro de empresa da Consellería, no asesoramento técnico do Igape e nunha dotación económica de 3.000 € (1º premio), 2.000 € (2º premio) e 1.000 € (3º premio).
Na modalidade de ciclos de grao superior o primeiro premio foi para o proxecto Beade Bike Park & Workshop, conxunto entre o Centro Integrado de FP (CIFP) Valentín Paz Andrade e o colexio CPR Vivas, ambos de Vigo. Esta iniciativa consiste na creación dun Bike Park para poder disfrutar das diferentes modalidades de MTB (Dirt Jump, Slope style, enduro, Freeride, BMX …), e unha tenda asociada para vender produtos relacionados co sector, manter a punto as bicicletas, tanto dos usuarios do circuíto como de persoas alleas a el. A maiores ofrece outros servizos como cursos e roteiros.
O segundo premio foi para Capptus, do CIFP Manuel Antonio (Vigo). Trátase dunha aplicación móbil que permite aos guías dividir a grandes grupos en grupos reducidos, comunicarse con eles en grupo ou individualmente e utilizar a xeolocalización durante o transcurso da visita. Desta maneira, os usuarios poden saber onde está o guía e percorrer os espazos libremente sen necesidade de permanecer nun grupo.
O terceiro premio da modalidade de ciclos de grao superior foi para Viñedo Ecolóxico, do CIFP A Granxa (Ponteareas), un proxecto de plantación do viñedo ecolóxico para a elaboración do Albariño Organic Wine como dinamizador rural, no cal se trata de aportar unha visión que dea respostas aos desafíos que atopa o pequeno produtor.
Galardoados grao medio
No caso da modalidade de ciclos de grao medio o primeiro premio foi para Beauty, do CIFP Someso, o segundo para Natexga, do colexio CPR Nebrija Torre de Hércules, e o terceiro para Olé Visual Design, do instituto IES Rosalía Mera. Os tres son centros ubicados na cidade da Coruña.
Beauty é unha cooperativa galega de traballo asociado, dedicada á perruquería humana e canina que inclúe venda de complementos para cans como roupa, arneses ou cosméticos. Tamén vende complementos para cans e cadelas coma roupiña, arneses, cosméticos.
No caso de Natexga xorde para cubrir a necesidade, cada vez maior, do coidado do planeta debido a que a industria téxtil, é a segunda máis contaminante. A súa solución é a fabricación de pezas 100% recicladas e reciclables en Galicia, fabricadas a base de refugallos alimentarios, plantas invasoras, restos de plantas despois da súa utilización e herbas que os nosos antepasados utilizaban e agora están en desuso.
Pola súa banda, Olé Visual Desing céntrase na impresión dixital en pequeno e gran formato (lonas, tea, papel, vinilo…), rotulación de vehículos, logotipos, imaxe corporativa, escaparates, valo publicitario, cartelería de obra e rótulos, entre outros, con fins comunicativos, decorativos ou publicitarios.