O Concello tamén participa na campaña provincial “De fronte á violencia” compartindo os contidos da súa web e repartindo material de difusión entre a veciñanza, que pode recollerse no rexistro municipal, na oficina de Igualdade e na Casa da Cultura
A partir da fin de semana entregaránselles aos restaurantes do municipio lotes de manteis dun só uso co lema da campaña da Deputación
En cousa dunha semana estaremos nos días centrais do 25 de Novembro, Día Internacional da erradicación da violencia contra da muller. En San Sadurniño, aínda que hai propostas para o CPI e a EIM A Rolada, os eventos con público concéntranse na fin de semana. O primeiro é o sábado á tarde en Lamas coa volta dos obradoiros do programa Tempos para compartir que, nesta ocasión, nos ensinará a facer chaveiros e cunha finalidade solidaria. A segunda cita é o domingo pola tarde, a partir das 18:00h, coa proxección do filme “As tres caídas de María Santiso” seguida dun coloquio co seu director e parte do elenco. Para ambos encontros fai falla inscrición previa contactando coa área de Igualdade no 981 490 027 ext.1 ou en veronica.rodríguez@sansadurnino.gal.
O obradoiro do sábado 27 de novembro desenvolverase no local social de Lamas a partir das 16:30h coa colaboración das artesás das Lolas da Cascarilla. Seguindo as súas indicacións veremos a maneira de facer chaveiros moi rechamantes -de par que útiles- utilizando materiais naturais, como madeira e plana de millo. Todos os que se fabriquen ese día terán unha finalidade solidaria, xa que se porán á venda e, posteriormente, os fondos recadados destinaranse a unha entidade que traballe no apoio a fillas e fillos de vítimas da violencia de xénero.
Só hai 20 prazas dispoñibles, que se irán cubrindo por orde de inscrición dándolle prioridade ás persoas empadroadas en San Sadurniño. As reservas poden facerse até o 23 de novembro no teléfono ou no correo electrónico de Igualdade.
Ao día seguinte, domingo 28 de novembro, as actividades do 25N trasládanse á Casa da Cultura. Ás 18:00h lerase a declaración institucional con motivo da data e, deseguido, proxectarase a película “As tres caídas de María Santiso”. Trátase dunha curtametraxe de comedia dramática que convida a reflexionar sobre o pasado, presente e futuro da sociedade rural galega, ao tempo que estimula o pensamento crítico sobre os roles tradicionais da muller e do home.
O visionado da curta, protagonizada por Lucía Veiga, acompañarase dun completo “making of” da súa produción e filmación e rematará cun coloquio co director do filme, Roberto Alvite, e parte do elenco. Tamén fai falla reservar localidade a través do 981 490 027 ext. 1 ou do correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal, con posibilidade de facelo até o 25 de novembro.
De fronte á violencia
En paralelo, o Concello de San Sadurniño participa de maneira activa na campaña “De fronte á violencia”, promovida pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña. Na súa web xa están dispoñibles as dúas palestras emitidas por youtube a semana pasada e a anterior, unha referida ás violencias de xénero en mulleres maiores e outra sobre a violencia vicaria, o papel das e dos menores na violencia de xénero e a actualización normativa para a protección da infancia. A próxima charla en liña está programada para este xoves 18 de novembro entre as 18 e as 19:00h, centrada na importancia do traballo en rede na loita contra a violencia de xénero a nivel local.
Ademais desde esta semana están dispoñibles dúas actividades xuvenís de pensamento visual arredor do tratamento e prevención da violencia de xénero e outra de Escape Room para traballar en igualdade e de xeito cooperativo.
Entre os días 22 e 29 de novembro tamén se poderá ver en liña o espectáculo musical para público infantil “Martiña Soñadora” e o propio día 25 de novembro ás 12:00h. leranse na sede provincial -e nos concellos adheridos á programación- distintos textos e poemas relacionados coa data, algúns deles escolmados do libro “Poesía en feminino, Mulleres do rural” publicado o pasado mes de de setembro polo Concello de San Sadurniño.
A campaña provincial tamén achega material de difusión. Nas oficinas do rexistro municipal e de Igualdade e na Casa da Cultura poden recollerse marcapáxinas, pulseiras e pegatinas. Ademais, o Concello tamén repartirá entre os restaurantes do territorio lotes de manteis individuais dun só uso co lema “De fronte á violencia”, co obxectivo de que a mensaxe estea presente nas mesas da hostalaría xa desde esta fin de semana.