― A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou nunha xornada do Plan Formativo Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, encadrado no marco do convenio asinado coa Xunta que permitirá mobilizar este ano 50.000€ no territorio
― As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, destino SICTED desde 2019, é o único destino galego que forma parte do Club Ecoturismo de España
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta tarde nunha das xornadas do Plan Formativo para a Mellora da Calidade e Competitividade dos Restaurantes da Biosfera, encadrado como unha das actividades do convenio asinado entre Turismo de Galicia e Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos para impulsar o desenvolvemento dun modelo turístico de calidade dentro das Reservas da Biosfera.
O convenio asinado este ano, que suporá unha mobilización no territorio de 50.000 euros dos que Turismo de Galicia asume 40.000 euros, traducirase, ademais de en accións de formación en materia de calidade e sustentabilidade, na posta en marcha de novos produtos turísticos, así como actuacións en materia de promoción e comercialización do conxunto do proxecto.
No acto, no que tamén participaron o vicepresidente do Consello de Dirección da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, César Longo, e o alcalde do Concello de Oza-Cesuras, José Pablo González, a directora de Turismo de Galicia destacou o excelente traballo realizado por este territorio, o primeiro destino de ecoturismo certificado en Galicia e tamén o primeiro en integrarse ao Club de Ecoturismo en España. Acreditado como Destino SICTED (Sistema de Calidade Turística do ICTE) desde 2019, o territorio conta actualmente con 53 empresas adheridas das case 900 integradas neste sistema de calidade en toda Galicia.
A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo acreditaba o ano pasado os primeiros Restaurantes da Biosfera, dos que agora xa ten certificados 21 aos que agora súmanse os 9 Aloxamentos da Biosfera e os certificados de calidade que acreditan outras empresas do destino vencellas coa gastronomía ou o turismo industrial.
Unha aposta pola calidade que, segundo destacou a directora de Turismo, “acredita o esforzo non só como destino senón tamén o traballo das empresas que asumen un compromiso ambiental, coa calidade, a sustentabilidade e a mellora continua das experiencias e servizos no destino”, contribuíndo á diferenciación da súa oferta turística.