A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, clausurou hoxe esta actividade xunto cos alcaldes dos dous municipios
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, investiu 177.668 euros no desenvolvemento do obradoiro de emprego conxunto dos concellos de Porto do Son e Lousame, do que se beneficiaron 20 persoas desempregadas destes municipios. A delegada territorial do Goberno galego na provincia, Belén do Campo, asistiu hoxe á clausura desta actividade, onde destacou que esta iniciativa mixta de formación e emprego “ofreceulle aos alumnos o acceso a un posto de traballo e, ao mesmo tempo, proporcionoulles unha formación teórica e práctica de máxima calidade, vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional”.
Acompañada pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e o rexedor de Porto do Son, Luís Oujo, a delegada territorial subliñou que o certificado de profesionalidade “enriquecerá de forma moi significativa” o currículo de todos os participantes e que, polo tanto, contribuirá a mellorar a súa empregabilidade, tal e como xa o fixo con preto de 50.000 galegos e galegas desde 2009, e que permitirá ofrecer formación a 25.000 novos traballadores durante 2015.
Outra das vantaxes dos obradoiros de emprego é que permiten a realización de obras ou servizos para a comunidade. Nesta ocasión, permitiu o acondicionamento e mellora de parques, xardíns e distintas zonas verdes dos tres concellos que se atopan na ruta de Santiago a Fisterra. Así mesmo, os alumnos elaboraron unha páxina web con toda a información sobre esta ruta xacobea.
Os beneficiarios de este programa especializáronse en dúas disciplinas: por unha banda, en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e, por outra, en operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización. Así, tanto no centro de día de Lousame como no centro diúrno á dependencia de Porto do Son, os participantes viñeron realizando labores de recepción, acollida, organización de actividades, animación social, mantemento e mellora de técnicas de comunicación para as persoas dependentes. En canto ás obras a desenvolvidas, actuouse tamén nos dous municipios, con traballos de mellora e mantemento do local social de Cruido e do polideportivo da Silva, así como co acondicionamento dos accesos na aldea da Chave, no concello de Lousame, e coa reparación do adoquinado das rúas Outeiro Alto e Outeiro Baixo, en Porto do Son.
A máxima representante do Goberno galego na provincialembrou que “a aposta decidida” do Goberno galego por este tipo de actuacións enmárcase na súa liña de apoiar a formación certificada, xa que mellora a empregabilidade. Así mesmo, sinalou que o éxito dos obradoiros de emprego levou tamén en 2015 á Consellería de Traballo a blindar a orde anual de obradoiros e, ademais, publicou por primeira vez unha liña de axudas deste tipo de programas específica para menores de 25 anos, e que está incluída dentro do novo plan de Garantía Xuvenil. Así, en 2015 investiranse preto de 15 millóns na posta en marcha de máis de 70 obradoiros.
Nos últimos seis meses desenvolvéronse en toda Galicia 53 obradoiros aos que o Goberno galego destinou 9,6 millóns de euros. Con este financiamento acadouse a participación de 1.300 galegos e galegas. Á provincia da Coruña destináronse 2,8 millóns de euros co que se financiaron 15 obradoiros e participaron 32 concellos e 315 alumnos.