FUNCIÓN DE TÍTERES PARA NENOS DE 1 A 5 ANOS
O grupo Títeres Cachirulo presenta este xoves un espectáculo especialmente producido para nenas e nenos de entre 1 e 5 anos de idade. Güe-güe é unha obra de marionetas no que o público descubrirá nunha noite de lúa chea o que é un güe-güe.
A actuación terá lugar na sala polivalente do edificio social Toñito Espiñeira de Carral, ás 18:00 h. O aforo para este tipo de actividades é moi limitado. Cada menor deberá estar acompañado dunha única persoa adulta. Para reservar entradas hai que chamar ao 981 672 580.
O CICLO DE CINE PRESENTA ESTE VENRES ‘EL REY DEL BARRIO’
O filme norteamericano ‘El rey del barrio’ é a próxima proposta que a Concellería de Cultura fai no seu programa Cine na Casa da Cultura.
Esta película é unha comedia dramática semiautográfica sobre os anos que pasou o protagonista Pete Davidson en Staten Island, incluíndo a morte do seu pai no 11-S e a súa entrada no mundo da comedia.
Para asistir á proxección, que terá lugar o venres ás 20:30h, hai que reservar entradas no 981 672 580. Son de balde.
MARIÁN BAÑOBRE E AVELINO GONZÁLEZ PROTAGONIZAN ESTE SÁBADO A OBRA TEATRAL ‘O MEL NON CADUCA’
O ciclo de teatro que se desenvolve no Local Xente Nova de Tabeaio, presenta este sábado a Ibuprofeno Teatro con ‘O mel non caduca’.
Sinopse: Dous científicos/apicultores, en 2173, levan a cabo sofisticados e absurdos experimentos, nun contexto de futuro distópico no que o planeta está arrasado. Tratan de crear sinteticamente unha abella a partir do último tarro de mel que se conserva na historia. Constrúen unha árbore no seu laboratorio para tratar de recuperar os ciclos naturais, que se perderon hai tempo.
Dous irmáns volven á casa familiar na aldea pola morte da súa nai. O conflito aflora cando deben xestionar as pertenzas familiares. O irmán máis vello opta por vendelo todo. A rapaza, máis nova, entra nunha crise vital porque se debate entre a súa acomodada vida nunha cidade afastada e a nostalxia que lle produce volver entrar en contacto cos obxectos e os recordos que marcan a súa historia vital.
A función terá lugar no Local Xente Nova de Tabeaio o sábado 20 de novembro ás 20:30 h. Como ven sendo habitual, é necesario reservar as entradas no teléfono 981 672 580.
PETICIÓN DE FOTOGRAFÍAS PARA EXPOSICIÓN SOBRE CARDOÑA
O Concello de Carral está a preparar unha exposición para homenaxear ao fotógrafo José Gestal ‘Cardoña’, que ven de ser recoñecido recentemente como Fotógrafo histórico da provincia da Coruña.
A exposición presentará fotografías feitas por Cardoña. O Arquivo Fotográfico municipal conta xa con fotos feitas por este fotógrafo, mais a Concellería de Cultura desexa solicitar da cidadanía de Carral que colabore prestando para a súa dixitalización vellas fotos feitas por Cardoña que conservan nos seus álbums familiares.
Para ceder temporalmente as fotografías, as persoas que desexen colaborar deberán achegarse á Casa da Cultura. Cada persoa que ceda fotos, recibirá de agasallo un exemplar do libro de fotos antigas ‘Fotos para as mil historias de Carral’.
A Concellería de Carral ten a intención de ter disposta a exposición para antes de que remate o ano, polo que prega que as persoas que colaboren o fagan antes do 4 de decembro.