Saturday 16 de November de 2024

A Xunta iniciou os traballos de conservación e posta en valor do Castro da Cidá de Borneiro


— A finalidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade é actuar sobre as estruturas exhumadas para mellorar o estado deste Ben de Interese Cultural

— Limparase o conxunto, repoñeranse os materiais que o necesiten e acondicionarase a zona de paso da plataforma de madeira

— A intervención enmárcase no programa do Goberno galego para poñer en valor os xacementos arqueolóxicos máis significativos da Comunidade

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muiño, visitaron o Castro da Cidá de Borneiro para informar que a Xunta de Galicia iniciou hai uns días os traballos de conservación e posta en valor do castro, declarado Ben de Interese Cultural no ano 2011 e no que a Xunta investirá case 10.000 euros.

O representante do Goberno galego informou que “a finalidade desta actuación impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade é actuar sobre as estruturas exhumadas co fin de mellorar o seu estado de conservación e contemplación”.

En concreto, a intervención consistirá en limpar, consolidar e repoñer as coroacións dos muros que o necesiten, reparar as perdas de materiais e os puntos que presenten problemas estruturais de estabilidade e acondicionar a zona de paso da plataforma de madeira.

Por outro lado, aproveitarase para actualizar a documentación do castro mediante levantamento topográfico, fotografía aérea e ortografía xoerreferenciada. Os traballos complétanse cunha visita guiada e comentada ao xacemento que se fará unha vez rematada a actuación co fin de dar a coñecer á comunidade local e a todos os interesados os resultados dos traballos e os valores propios do sitio.

O Castro da Cidá, situado na parroquia de San Xoán de Borneiro, destaca pola súa caracterización estrutural e polo excepcional conxunto de construcións que ilustran o urbanismo castrexo. Trátase, ademais, dun complexo altamente coñecido na bibliografía arqueolóxica galega por ser un dos primeiros estudados da Idade de Ferro. En total, ten unha trintena de vivendas de planta circular simple ou ovalada nas que se atoparon útiles de ferro e bronce, muíños, moldes e outros elementos.