Friday 22 de November de 2024

O Elma alberga neste 21 de novembro a función teatral Os nenos da varíola


Igual que vén facendo nas últimas semanas, o Elma será escenario neste 21 de novembro, ás 19.00 horas, dunha nova función teatral. Nesta ocasión, será a quenda de Pérez & Fernández con Os nenos da varíola; unha adaptación á escena da novela homónima de María Solar que toma como eixo central a vida dos nenos da Casa de Expósitos da Coruña que participaron na Real Expedición Filantrópica da Vacina, expedición da cal era Isabel Zendal, a reitora da institución, un dos piares máis importantes.

As actrices Victoria Pérez e Isabel Risco e os actores Manu Fernández e Xose Leis interpretarán a ducia de personaxes que protagoniza esta historia: as monxas da Casa de Expósitos, os doutores Balmis e Posse Roybanes, os nenos protagonistas da ficción de María Solar e a muller que finalmente fixo posible que esta Real Expedición Filantrópica se fixese realidade, Isabel Zendal.

As entradas son de balde e as reservas débense efectuar na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto 981831545.

Trátase dunha actividade enmarcada na programación cultural que transcorre no municipio durante o último trimestre do ano con sesións teatrais destinadas a maiores de 16 anos. Organiza a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.