O orzamento ascende a 8.000 euros, 5.000 para deportes e 3.000 para asociacións veciñais e culturais
As asociacións e clubes deportivos do municipio que non dispoñan de convenio nominativo poderán solicitar até o 2 de decembro -incluído- as axudas dunha convocatoria extraordinaria aprobada hai escasos días en Xunta de Goberno Local que posiblemente se publique ao longo desta semana no Boletín Oficial da Provincia. As bases e os formularios de solicitude xa están dispoñibles de cara a que os colectivos poidan ir preparando toda a documentación das dúas liñas de subvencións, unha dotada con 5.000 euros para deportes e outra de 3.000 euros para cultura. En ambos casos poderán incluírse, entre outros, gastos de mantemento -para as que teñan local en propiedade-, custes de funcionamento ordinario -telefonía, papelaría, seguros…-, así como aqueles derivados da organización de actividades ou a participación en competicións deportivas, sempre e cando se efectuasen entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2021.
Máis en detalle, as asociacións veciñais e culturais do concello o que dispoñan de local en propiedade poderán obter axuda para os gastos de mantemento, mellora das instalacións e equipamento. Con carácter xeral -teñan ou non de local propio- tamén se lles financiarán aos colectivos os gastos de funcionamento ordinario como telefonía, limpeza, papelaría, seguros de responsabilidade civil, etc. As bases tamén citan como gastos xustificables os relativos á prevención da COVID-19 e aqueles orixinados pola organización de actividades propias da entidade.
Para este capítulo o Concello dispón dunha partida de 3.000 euros e a axuda total poderá chegar ao 80% do orzamento subvencionable de acordo cos anteriores requisitos. Unha vez que se comunique a concesión da subvención, as entidades disporán de 10 días hábiles para achegar a documentación xustificativa: a instancia solicitando o pagamento, as facturas acompañadas dos xustificantes bancarios de pagamento e a relación detallada doutras subvencións que se recibisen, de ser o caso, para sufragar os gastos subvencionados.
Non poderán concorrer á convocatoria aquelas entidades que non estean ao corrente das súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social ou aquelas que teñan pendente de xustificar algunha subvención municipal anterior.
Axudas para entidades deportivas
Tampouco poderán optar ás axudas aqueles clubs ou entidades deportivas que non estean ao día coa Seguridade Social ou que teñan débedas tributarias. Tamén quedan fóra as que xa dispoñan dun convenio nominativo financiado polo Concello.
A liña para deporte conta cun orzamento de 5.000 euros divididos en tres tramos: clubes con instalacións propias, entidades de deportes olímpicos e, en terceiro lugar, outras disciplinas. As valoracións das peticións estarán baseadas principalmente no número de licenzas federativas, que contarán dobre no caso das femininas.
Así, as entidades con instalacións en propiedade poderán solicitar financiamento para o seu mantemento e mellora, ademais da merca de equipamentos (fíxase unha achega de 1.000 euros).
Tanto estas como as demais poderán incluír na solicitude gastos ordinarios -teléfono, limpeza, papelaría, seguros de responsabilidade civil, etc.-, material de prevención da COVID-19, material deportivo e tamén os gastos derivados da participación en competicións oficiais (licenzas federativas, mutualidades, arbitraxes, etc.). A partida reservada polo Concello para este capítulo é de 3.000 euros. Os 1.000 euros restantes dirixiranse a financiar outras disciplinas deportivas federadas (non olímpicas).
Solicitudes até o 2 de decembro
As bases para a concesión das axudas desta convocatoria extraordinaria de Cultura e Deportes aprobáronse na Xunta de Goberno Local do pasado 11 de novembro. Neste momento agárdase pola súa publicación no Boletín Oficial da Provincia para que o prazo de presentación comece oficialmente -seguramente saian no BOP ao longo desta semana-. Con todo, as entidades deben saber que o último día de presentación de solicitudes será o 2 de decembro.
A finalidade destas liñas extraordinarias de subvencións é colaborar co tecido asociativo e deportivo do municipio “para axudarlles a superar a dificil situación na que se atopan neste momento”, contribuindo a “normalizar a situación e fortalecelas” para que continúen sendo motor da participación veciñal no ámbito do Deporte e da Cultura.