Durante eses días a entrada á Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae será gratuíta. As persoas interesadas poderán facer a súa reserva en liña
A Semana da Ciencia nos Museos Científicos Coruñeses comezará este ano o luns 15 de novembro, festividade de San Alberto Magno, patrón das ciencias. Ata o domingo 21 a entrada á Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae será gratuíta.
En previsión dunha importante afluencia de público durante esa semana, e para facilitar o acceso, recoméndaselles ás persoas que desexen visitar os Museos Científicos que realicen unha reserva de entradas, que se poderá facer cun máximo de 3 días de antelación. As persoas que non reserven terán acceso libre unicamente se a capacidade do museo nese momento non está completa. Para reservar só é
necesario acceder á plataforma da Casa das Ciencias, da Domus ou do Aquarium Finisterrae.
A Semana da Ciencia completarase con outros actos que se realizarán o sábado 20 e domingo 21 de novembro. O sábado terá lugar a entrega dos XXXIV Premios Prismas Casa das Ciencias á Divulgación Científica. Realizarase no salón de plenos de María Pita.
Por outra banda, ese mesmo día a Domus acollerá a realización de dúas charlas de HispaCón, a convención anual organizada pola Asociación Española de Fantasía, Ciencia Ficción e Terror. Trátase de ‘Conversación con Conchi Regueiro’, autora galega, ás 16.00 horas, e de ‘Crónicas (científicas) marcianas’, con Borja Tosar, Uxía Vales e Estíbaliz Espinosa ás 17.00 horas. A entrada será libre. Repartiranse invitacións media hora antes de cada charla ata completar a capacidade.
Por outra banda, a próxima fin de semana realizarase, tamén dentro dos actos da Semana da Ciencia, o festival Cecía Fest. Trátase de actuacións de coros e grupos de danza no Aquarium Finisterrae e no exterior da Casa das Ciencias. Tamén haberá actos nos diferentes barrios