Saturday 23 de November de 2024

O Concello da Coruña compra un camión de bombeiros de última xeración especializado en excarceracións en estrada


A adquisición deste vehículo, valorado en 340.000 euros e pioneiro na cidade, supón unha maior especialización das e dos profesionais municipais

O Concello da Coruña autorizou a compra dun vehículo de última xeración para o parque de bombeiros da cidade. Trátase dun camión especial e pioneiro na actual frota coa que contan as e os profesionais municipais do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento.

Será un camión de primeira intervención adaptado para traballos de excarceración e accidentes en estrada. Na actualidade, o equipo de bombeiros conta con outros tres vehículos de primeira saída que poden actuar neste tipo de situacións, pero a nova adquisición, ademais de contar coas últimas tecnoloxías, será exclusiva para estas cuestións.

O camión conta con todas as ferramentas necesarias para intervir en accidentes en estrada de maneira efectiva e áxil. Ademais, dispón dun depósito de auga para os casos nos que se produza un incendio nos vehículos afectados. O custo deste novo vehículo é de 340.000 euros e o prazo de entrega é de doce meses.

Na actualidade, e á espera de incorporar este camión, o parque de bombeiros conta con 4 vehículos de altura, 9 vehículos autobomba, 14 vehículos lixeiros, 6 vehículos de varios usos, 2 contedores, 6 remolques, 2 embarcacións e 2 motos de auga.

Con esta compra, o Concello da Coruña amosa o seu compromiso coa renovación e a mellora do parque móbil do equipo de bombeiros municipal. Esta nova adquisición suporá unha maior especialización e permitiralles aos bombeiros traballar cos últimos equipos do seu sector. O Goberno local comprométese tamén coa seguridade viaria buscando solucións que permitan unha rápida intervención en caso de sinistros.

O Concello da Coruña investiu no último ano máis dun millón de euros no servizo municipal de Bombeiros, ademais de destinar 400.000 euros a tarefas de mantemento e gastos. Por segundo ano consecutivo, o seu cadro de persoal supera as 100 persoas.