Enmarcado no Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2021, será a 8ª edición deste seminario que terá lugar no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo o próximo venres 19 de novembro
O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo ten previsto acoller o vindeiro venres 19 de novembro a 8ª edición do seminario práctico sobre o incremento da rendibilidade das explotacións leiteiras mediante a mellora xenética, organizado pola Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria en colaboración con Xenética Fontao. A iniciativa está programada en horario de mañá e tarde, de 10,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 20,30 horas.
Entre os obxectivos está a localización da información xenética de interese para cada explotación láctea e a interpretación da información que proporcionan os catálogos de valoración de sementais e páxinas web, así como da obtida da implementación recente das probas xenómicas, especialmente para garantir a adecuada reposición nunha explotación.
Posteriormente, perseguirase a aplicación práctica desa información, buscando os apareamentos idóneos para conseguir a mellora dos caracteres de interese, seleccionando os animais axeitados ou promovendo o uso do material xenético galego como material de calidade contrastada.
A acción está dirixida a agricultores e gandeiros en activo ou con intención de incorporarse, especialmente mozos e mozas e mulleres. Tamén a persoal técnico e asesor de explotacións gandeiras.
Os interesados en acudir a esta acción de transferencia poden solicitalo enviando -antes das 15,00 horas xoves 18 de novembro- un correo electrónico ao enderezo ciam.cmr@xunta.gal, tras cubrir a solicitude que poden descargar na páxina web do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo: www.ciam.gal. Se precisan solicitar calquera información adicional, poden chamar ao teléfono 881 881 806.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través do Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego, busca dar a coñecer novidades no sector ou a aplicación de produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías xa existentes en condicións onde tradicionalmente non se empregasen previamente, como é o caso da que centra esta acción. Para consultar as accións englobadas no Plan deste ano 2021 pode consultarse o seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/actividades-formativas/transferencia-tecnoloxica#xornadas_2021.