― Actuarase na estrada AC-552, no municipio coruñés de Vimianzo; nas vías de Lugo, LU-111 en Rábade, e LU-160 ao seu paso por Mondoñedo, Alfoz e O Valadouro; e na estrada ourensá OU-138, en Xunqueira de Espadanedo
― Seguirán desenvolvéndose os traballos iniciados nas últimas semana nas vías de altas prestacións VG-1.4, no concello coruñés de Fisterra, e na CG-2.2, ao seu paso polos municipios lucenses, do Corgo, do Páramo e de Sarria, e tamén na LU-934, en Friol
― Proseguirán na provincia de Ourense os labores de roza na OU-171 no Carballiño, na OU-404 en Celanova, e na OU-536, en Ourense; e na de Pontevedra, na estrada PO-531 en Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra
― Estas actuacións, que se suman ás realizadas a través dos medios de conservación ordinaria, favorecen a prevención dos lumes e contribúen á seguridade viaria, aumentando a visibilidade e afastando da estrada a fauna salvaxe como os xabarís
― O departamento que dirixe Ethel Vázquez investiu, desde o ano 2018, 6,8 M€ nas tarefas de control da biomasa nas vías autonómicas, realizadas a través de Seaga
A Xunta iniciará este luns novas tarefas de limpeza nas marxes das estradas autonómicas nas provincias da Coruña, de Lugo e de Ourense. Ao tempo, proseguirá cos traballos xa en marcha na provincia de Pontevedra.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou o pasado mes de xullo estes traballos, tras renovar coa empresa pública Seaga o contrato para acometer tarefas de roza e limpeza nas estradas autonómicas para previr lumes e reforzar a seguridade viaria, cun investimento de preto de 1,5 millóns de euros.
Estas accións de conservación nas vías de titularidade da Xunta levan permitido, nos últimos catro meses, a roza mecánica de 320 quilómetros lineais, actuar nunha superficie de máis de 112.500 m2 de xeito manual; ademais de propiciar a retirada de 1.500 árbores en dominio público de estradas, susceptibles de provocar lumes ou que supoñían un risco de caída na calzada.
Esta vindeira semana comezarán na provincia da Coruña os traballos na estrada AC-552, en Vimianzo; e na provincia de Lugo nas estradas LU-111 en Rábade, e na LU-160 ao seu paso por Mondoñedo, Alfoz e O Valadouro. Tamén comezarán novos labores na OU-138, en Xunqueira de Espadanedo, na provincia de Ourense.
Ao tempo que se inician estas novas actuacións, a Xunta seguirá cos traballos que está a desenvolver nas últimas semanas na vía de altas prestacións VG-1.4, que comunica Cee e Sardiñeiro, no concello coruñés de Fisterra.
Ademais proseguirán as tarefas na vía de altas prestacións CG-2.2 Lugo-Sarria, ao seu paso polos municipios de Lugo, do Corgo, do Páramo e de Sarria; e tamén na LU-934, en Friol.
Tamén continuarán na provincia de Ourense os labores de roza na OU-171, no Carballiño, na OU-404, en Celanova, e na OU-536, en Ourense; e na de Pontevedra, na estrada PO-531 en Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra.
Cada semana, unha media de 30 operarios e arredor de 15 máquinas traballan para levar a cabo estas tarefas de limpeza e control da vexetación nas marxes das estradas autonómicas.
Estas actuacións contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.
O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos realizados eliminan árbores que poderían caer á vía en caso de temporal e evitan que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Tamén serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da vía animais como os xabarís.
Con estes traballos tamén se dá cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas
O departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas da súa competencia, engadindo aos medios de conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga.
Coa nova encomenda a Seaga, desde o ano 2018 a Xunta leva investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas da súa competencia.