― O plan, que entrará en funcionamento o luns, mobiliza nesta provincia un dispositivo de 42 máquinas, entre elas camións, cuñas e esparexedores de sal
― Estes recursos permitirán atender os 1.800 km de estradas autonómicas na provincia para reforzar a seguridade viaria ante os episodios de xeo e neve no inverno
― A Xunta desenvolve entre o 1 de novembro de 30 de abril o Plan de Vialidade Invernal cun amplo despregue de medios materiais e humanos para facilitar a mobilidade en máis de 5.500 km de estradas da súa titularidade
― No conxunto de Galicia, a Xunta dispón de 26 centros operativos, 387 profesionais e preto de 5.300 toneladas de fundentes para velar pola seguridade viaria
― O Goberno galego destina cada ano preto de 50 M€ para levar a cabo tarefas de conservación nas vías, entre as que destacan estas accións de vialidade invernal
A Xunta activa o Plan de Vialidade Invernal na provincia de Coruña, cun dispositivo de 128 profesionais, preto de 1.200 toneladas de fundentes e 8 centros operativos que garantirán a seguridade viaria.
O plan, que botará a andar o luns e se prolongará ata o 30 de abril, tamén inclúe na provincia da Coruña un dispositivo de 42 máquinas, entre camións, pick-up, retros, cuñas, follas, esparexedores de sal e estendedores de salmoira.
Estes recursos permitirán a atención e o mantemento dos preto de 1.800 km de estradas autonómicas na provincia para acadar condicións de seguridade viaria, especialmente nas épocas con episodios de climatoloxía adversa.
O Goberno galego vén desenvolvendo todos os anos, entre o 1 de novembro de 30 de abril, o Plan de Vialidade Invernal mediante un amplo despregue de medios materiais e humanos para facilitar a mobilidade en máis de 5.500 km de estradas da súa titularidade.
No conxunto de Galicia son, en total, 26 os centros operativos e 387 os profesionais que velarán pola seguridade das estradas autonómicas. Ademais, prevese mobilizar preto de 5.300 toneladas de fundentes.
O obxectivo desta iniciativa é mellorar as condicións de circulación na rede de estradas da comunidade, que se poden ver dificultadas no inverno pola presenza de fortes choivas, a formación de placas de xeo ou a aparición de neve.
Este plan recolle medidas preventivas, para anticiparse aos contratempos que se poidan producir, e medidas paliativas, para reforzar a seguridade viaria en situacións meteorolóxicas desfavorables.
O Goberno galego destina cada ano un investimento duns 50 millóns de euros para levar a cabo tarefas de conservación nas vías, entre as que destacan estas accións de vialidade invernal.
No seguinte plano amósase a situación dos medios dispoñibles no citado dispositivo na provincia da Coruña.