Saturday 16 de November de 2024

A Xunta organiza en Abegondo un curso sobre seguridade alimentaria, agroecoloxía e consumo responsable


Está previsto no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo o próximo xoves 18 de novembro, en horario de 9:00 a 15:00 horas

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto desenvolver a vindeira semana no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, no concello coruñés de Abegondo, unha xornada sobre seguridade alimentaria, agroecoloxía e consumo responsable.

A acción está programada o vindeiro xoves 18 de novembro, en horario de 9:00 a 15:00 horas. Así, o obxectivo desta formación é informar da importancia do consumo agroecolóxico. Para iso, trataranse os beneficios do consumo responsable, ecolóxico e local, centrados nunha correcta dieta atlántica. Ademais, darase a coñecer o impacto dos hábitos alimenticios sobre o medio e a saúde, así como información sobre a etiquetaxe dos produtos ecolóxicos e da calidade nutricional.

A iniciativa está dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego. Os interesados poderán descargar da páxina web www.ciam.gal a solicitude correspondente e remitila por correo electrónico ao enderezo ciam.cmr@xunta.gal. Se precisan información adicional, poderán chamar ao teléfono 881 881 861.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este. A data límite de inscrición remata o vindeiro 16 de novembro.

Cabe lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.