Friday 22 de November de 2024

A AXEGA e a Axencia Galega de Infraestruturas colaborarán para mellorar a seguridade dos cidadáns nas vías galegas


O director de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, asinaron un acordo entre ambos entes

O director de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, asinaron en Santiago un acordo de colaboración entre a Axega e a AXI en materia de emerxencias.

A finalidade do acordo é establecer os procedementos de comunicación bilateral entre o 112 Galicia e a Axencia Galega de Emerxencias, de maneira que ambos estean informados con relación aos accidentes ou incidentes que poidan producirse nas instalacións e infraestruturas viarias competencia da AXI e que esixan a intervención de medios externos de atención sanitaria, seguridade cidadá, protección civil ou extinción de incendios e salvamento, entre outros.

A AXI porá en coñecemento do 112 Galicia, polos medios de comunicación que se acorden e coa máxima prioridade posible, os incidentes ou accidentes relacionados coas súas infraestruturas e instalacións e aquelas outras emerxencias que afecten á seguridade viaria e á mobilidade dos cidadáns e poidan ter repercusión pública relevante.

Así mesmo, tamén facilitará ao centro de atención ás emerxencias toda a información necesaria sobre as instalacións e infraestruturas da súa competencia, como poden ser planos, puntos quilométricos, localizacións ou plans de emerxencias. Deste xeito, conseguirase optimizar os tempos de resposta en caso dunha posible emerxencia, o que redundará favorablemente na seguridade dos usuarios das infraestruturas viarias de Galicia.

Pola súa banda, o CAE112 Galicia informará á AXI de todos os incidentes ou accidentes dos que teña coñecemento nos que estean implicadas instalacións e infraestruturas competencia do ente público viario, así como dos requirimentos de asistencia que teñan cursado ás Administracións Públicas que en cada caso resulten competentes, para a prestación material da asistencia requirida.

Do mesmo xeito, o CAE 112 Galicia enviará á AXI os informes de predición meteorolóxica adversa elaborados pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) e Meteogalicia, así como as alertas que se declaren no territorio de Galicia. Ademais, para reforzar o ámbito de cooperación e coordinación, a Axega poderá instalar nos terminais informáticos da AXI o sistema remoto EGA Web, respondendo aos criterios de eficacia e eficiencia na xestión das emerxencias.