O Concello de Oroso abre o proceso de inscrición para o curso 2015-2016 na gardería municipal da Ulloa e, por vez primeira, na escola infantil “Chousa nova”, que entrará en funcionamento o próximo mes de setembro. A nova escola infantil terá tres unidades, cun total de 41 prazas, e complementará a actual gardería da Ulloa, que dispón de 61 prazas, en ambos casos de mañá e de tarde.
Así, as familias con nenos ou nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 23 de marzo de 2015 poderán optar a unha das 41 prazas da nova escola infantil de Sigüeiro, que prestará servizo de 8:00 a 18:00 horas. Neste caso, o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 23 de marzo no Rexistro Xeral do Concello de Oroso. Máis información e recollida de solicitudes no Departamento de Servizos Sociais de Oroso (rúa do Deporte nº 9. 981 68 89 50).
Ulloa, de 1 a 3 anos
No caso das renovacións e novas matrículas na escola infantil “A Ulloa”, todas elas terán lugar nas instalacións da propia gardería, onde se poden recoller e entregar os impresos. Neste caso, esta semana ábrese o procedemento de renovación de praza para nenos de 1 a 3 anos, que estará aberto ata o 9 de marzo.
O Concello fará pública a oferta de prazas para nova ocupación entre o 10 e o 14 de marzo, polo que as familias terán de prazo ata o 2 de abril para presentar as solicitudes. A lista provisional publicarase o 15 de abril, abríndose un período de alegacións antes da publicación da listaxe definitiva, que terá lugar entre o 1 e o 10 de maio. As familias deberán formalizar a matrícula antes do 30 de maio.
No caso dos nenos nados en 2015, entre o 10 e o 14 de marzo farase pública a oferta de prazas para nova ocupación. O prazo de presentación de solicitudes para novos ingresos abrirase do 15 de marzo ao 31 de maio. A listaxe provisional de admitidos publicarase do 1 ao 5 de xuño; mentres que a listaxe definitva farase pública do 17 ao 20 de xuño. As familias terán ata o 27 de xuño para formalizar a matrícula.