Monday 25 de November de 2024

A Xunta incrementa nun 7,5% as axudas ás Escolas Infantís de iniciativa social para facer fronte ao incremento dos seus gastos


— O Diario Oficial de Galicia publica hoxe este aumento que permitirá cubrir os gastos derivados do seu mantemento, incremento de persoal ou compra de alimentos

— Lembra o compromiso do Goberno galego con estes centros e coa etapa educativa de 0 a 3 anos a través da gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos, unha medida que se ampliará tamén aos primeiros no vindeiro curso

A Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe un incremento do 7,5% da orde de axudas a escolas infantís de iniciativa social para cubrir o incremento nos gastos de mantemento, persoal ou alimentación destes centros que rexistraron durante os últimos meses. A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá as instalacións das Escolas Populares Gratuítas da Coruña, unha das beneficiarias destas axudas.

A conselleira lembrou o compromiso do Goberno galego con estes centros e coa etapa educativa de 0 a 3 anos como demostra a gratuidade de todas as escolas, independentemente da súa titularidade de cara ao vindeiro curso. Esta iniciativa xa é unha realidade este ano para segundos fillos e sucesivos tanto nos centros privados, como de iniciativa social e públicos.

Fabiola García apuntou que coa gratuidade estas instalacións viron aumentados os seus gastos ao recibir máis solicitudes. Por iso, a Xunta incrementa a súa axuda a estes centros de maneira que poidan facer fronte a esta suba do número de alumnos e alumnas. A subvención atenderá ao número de unidades ou módulos de cada centro.