Baixo a marca Eco-ruña, os domingos 14 e 28 de novembro realizarase este popular evento na praza da Tolerancia con diferentes propostas de sensibilización e de ocio
O Concello da Coruña organiza este domingo 14 e o do 28 de novembro un mercado de produtos ecolóxicos, artesáns, a granel e de residuo cero na praza da Tolerancia. Baixo a marca Eco-ruña, a Concellaría de Comercio e Mercados, que dirixe Diana Cabanas, busca expandir polos barrios da cidade un modelo similar ao do Mercado Ecolóxico xa instaurado no Campo da Leña.
Para estrear esta nova etapa dos mercados na rúa, este domingo haberá un encontro de consumo responsable, con mesas redondas, degustacións, actividades infantís, actuacións musicais e outras propostas. O mercado estará aberto de 10.00 a 15.00 horas. “A intención do Goberno local é aumentar o número de mercados ecolóxicos, mantendo o que se realiza periodicamente no Campo da Leña, e ir progresivamente levando a venda destes produtos a outras zonas da cidade”, sinalou a concelleira Diana Cabanas.
O Mercado Ecolóxico que se realiza no Campo da Leña continuará o primeiro e o terceiro domingo de cada mes, mentres que o segundo e o cuarto esta iniciativa visitará outros puntos da cidade. Nesta primeira experiencia de Eco-ruña, buscouse un lugar que lles dese servizo ás zonas de Labañou, Os Rosales, Riazor ou Cidade Escolar. Haberá 20 postos de venda ou dinamización deste tipo de produtos.
“A intención é ir pouco a pouco levando esta oferta de produtos e satisfacendo a demanda deles nos distintos lugares da cidade”, engade Diana Cabanas. A diferenza do realizado no Campo da Leña, este mercado da praza da Tolerancia contará cunha intensa axenda de sensibilización, con actividades de distinto tipo.
Ás 11.00 horas haberá unha degustación de produtos con David Sueiro, de Galo Celta. Ás 11.30 horas haberá un obradoiro de galletas para as e os máis pequenos. Ás 12.00 horas terá lugar unha mesa redonda moderada por María Nieto que levará o título de ‘Consuma conciencia’ e cuxo obxectivo será pór enriba da mesa conceptos moi de actualidade no sector alimenticio. Contará coa participación de Daniel, de Revolución de los Graneles; Sonia, de Pura Vida e Álvaro, de Zero Waste.
Ás 13.00 horas haberá un concerto de The Flows. A xornada rematará cun intercambio de roupa, tamén ás 13.00 horas. Haberá tamén un espazo de intercambio de libros. As inscricións para todas as actividades serán gratuítas e faranse no propio mercado e todos os eventos estarán limitados a unha capacidade de 15 persoas.
O domingo 28 de novembro repetirase a experiencia no mesmo lugar, pero con novos
produtos e actividades.