Ampliouse a plataforma superior para facilitar as manobras dos usuarios da instalación e construíuse unha caseta para os RAEEs
O Concello de Boqueixón vén de investir case 55.000 euros na mellora do seu punto limpo, emprazado no polígono industrial de Sergude. “Ampliamos a plataforma superior para que os veciños e veciñas que utilicen o punto limpo poidan manobrar con maior facilidade e construímos unha caseta para poder aumentar a recollida de Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEEs)”, explica o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín.
As obras consistiron na execución de dous muros de formigón dunha altura de 2,7 metros para poder ampliar a zona pavimentada da plataforma superior nuns 152 metros cadrados. Deste xeito, as persoas usuarias do punto limpo disporán dun maior espazo para manobrar á hora de depositar os seus residuos, operación que será máis doada e segura.
Así mesmo, procedeuse á construción dunha caseta metálica para a recollida de RAEEs na plataforma superior, dunhas dimensións de 9,85 x 4,25 metros. Finalmente, acondicionouse unha pequena zona verde e plantouse un seto de tuias na parte exterior do muro de contención.
O punto limpo de Boqueixón está dispoñible todos os mércores, de 16:00 a 20:00 horas, e o sábados, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.