Thursday 21 de November de 2024

A xira do Centro Dramático Galego con “O charco de Ulises” recala na Coruña, Oleiros e Arteixo


— A unidade teatral da Xunta fará funcións no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera este domingo, no teatro coruñés Rosalía Castro o día 27 e no Auditorio do Centro Cívico e Cultural arteixán o 10 de decembro

— A peza dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso percorrerá ata o 12 de decembro 20 escenarios de Galicia e do norte de Portugal

A produción da unidade teatral da Xunta, O charco de Ulises, dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, estará na Coruña, Oleiros e Arteixo no marco da xira iniciada a pasada semana e que a levará a 20 concellos galegos e do norte de Portugal ata o 12 de decembro. A primeira das funcións desta xira do Centro Dramático Galego previstas na área coruñesa é xa este domingo 14, ás 20,00 horas, no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera. Na xornada do 27, ás 20,30 h., estará no teatro coruñés Rosalía Castro e o 10 de decembro, ás 20,00 h., no Auditorio do Centro Cívico e Cultural arteixán.

No caso da sesión programada na Coruña, as entradas están xa á venda en ataquilla.com e poderán adquirirse tamén no despacho de billetes da praza de Ourense e do propio teatro. En Oleiros, a venda habilitarase no despacho de billetes do auditorio situado en Mera o domingo, desde unha hora antes de función. Tamén Arteixo porá á venda as entradas no despacho de billetes o mesmo día da representación, de 11,30 a 13,30 h., e dúas horas antes do seu inicio.

O clásico de Homero nun contexto galego
O charco de Ulises sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto, escrito por Santiago Cortegoso en 2010 dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.
Fran Paredes e Inés Salvado encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.

No equipo artístico figuran Pablo Giráldez ‘O Pastor’ no deseño da escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción e Keka Losada na de produción en xira.
Novo modelo de distribución
O charco de Ulises estreárase o 14 de xaneiro no Salón Teatro de Santiago, onde tiña previsto permanecer durante catro semanas de representacións, que tiveron que ser suspendidas no seu tramo final por mor da pandemia. A súa posta en escena inauguraba, ademais, unha nova etapa na compañía pública, que pospoñía a distribución dos espectáculos de produción propia para reforzar o papel do CDG como motor escénico galego a partir da crise sanitaria.