A Concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene organiza, coa colaboración da Asociación Sociocultural ASCM, a actividade “Senta e sente, sube ás miñas rodas” coa que se pretende concienciar das dificultades que as persoas en cadeira de rodas están a sufrir no seu día a día pola existencia de múltiples barreiras arquitectónicas na rúa, que son un impedimento de cara a lograr a súa plena inclusión.
A actividade, prevista para o venres 19 de novembro entre as 10:00 e as 13:00 horas, terá como punto de partida a Praza do alcalde Ramón José Souto González. Nela participarán representantes da corporación municipal e persoal do Concello, ademais de todas aquelas persoas que queiran poñerse no lugar de quen viven en primeira persoa eses atrancos á mobilidade.
Dadas as limitacións do número de cadeiras de rodas dispoñibles para a realización da actividade, a selección das persoas participantes realizarase por rigorosa orde de inscrición. Hai que anotarse antes das 14:00 horas do martes 16 de novembro, ben por teléfono (981 342 607) ou pasando polo Centro Municipal de Servizos Sociais, en San Valentín.
Está previsto facer dous percorridos en cadeira de rodas polas rúas de Fene. Se chovese buscaríase un itinerario alternativo.
O Concello financia a campaña do comercio “Merca en Fene”
Noutra orde de cousas, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, e o presidente da asociación “O Cruceiro”, Juan Ramos, asinaron esta o convenio nominativo mediante o que a entidade recibirá unha achega municipal de 10.000 euros. Esta axuda directa para a entidade -que agrupa unha parte importante da hostalaría, o comercio e os servizos de Fene- dirixirase ao desenvolvemento de actividades de promoción económica, nomeadamente á campaña de dinamización “Merca en Fene”.
No intre da sinatura, Juan Ramos e Juventino Trigo estiveron acompañados pola responsable municipal de Promoción Económica, Ana Basoa. O acordo económico suscrito co “O Cruceiro” encádrase nas liñas de apoio aos colectivos do concello, para as que este ano se reservaron no orzamento municipal preto de 190.000 euros.