Friday 22 de November de 2024

A Casa da Cultura de Lousame acolle ata o 26 de decembro a exposición Nós tamén fomos emigrantes promovida por Afundación e Abanca


A Casa da Cultura de Lousame acolle ata o vindeiro 26 de decembro a exposición fotográfica Nós tamén fomos emigrantes, promovida pola Axencia EFE, Afundación, Xacobeo 21-22 e o Concello de Lousame dentro do programa Corrente Cultural. Unha mostra que foi inaugurada esta mañá por Teresa Villaverde, alcaldesa de Lousame; Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación; e José M. Vilariño, coordinador institucional de Abanca na Coruña.

Teresa Villaverde agradeceu a Afundación e Abanca a elección de Lousame como destino desta exposición xa que “ás veces semella que as xeracións máis novas pensan que a emigración é algo doutro tempo, cando é algo moi próximo para os seus avós, para os seus pais… Pero tamén vemos socialmente que hai un problema global de emigración ao que non só non somos o suficientemente sensible, senón que mesmo somos hostís”. Por iso, indicou que “imos abrir esta exposición ao centro educativo para acercarlle aos máis novos o que é a emigración e que os dramas que recollen estas fotografías son reais, que se decaten de que é algo que está na nosa identidade, como pobo que emigrou e que agora recibe emigrantes. Temos que ser solidarios, ter empatía e poñernos no lugar do outro”.

Pola súa banda, Paloma Vela defendeu que este tipo de exposicións “son fundamentais para o enriquecemento de individuos e sociedades porque nos permiten viaxar no tempo e no espazo, descubrir outras realidades e outras formas de entender a sociedade e todo iso reverte no crecemento das persoas”. A coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación destacou que Nós tamén fomos emigrantes “ofrece unha viaxe no tempo, mirar cara atrás e descubrir que todos fomos emigrantes, con todo o que iso conleva na identidade galega dunha xeracións que están aínda moi próximas, os nosos avós, os nosos pais… Imaxes que nos din quen fomos e quen somos a día de hoxe”.

Finalmente, José M. Vilariño destacou a satisfacción de poder traer esta mostra a Lousame pois “o rural ten moitas máis dificultades para acceder a actividades deste tipo. Cónstanos a gran sensibilidade que hai en Lousame cara a cultura, pois levan moito tempo pedindo a nosa colaboración con algunha exposición e ata hoxe non foi posible. E canto máis cousas poidamos traer aquí, mellor porque a xente as valora”. Neste sentido, adiantou que “Abanca ten a firme idea de seguir apostando por esta colaboración para seguir acercando a cultura. As cidades son importante, pero tamén as pequenas vilas”.

Exposición itinerante

Nós tamén fomos emigrantes é unha exposición itinerante que inclúe unha selección de corenta fotografías procedentes dun dos fondos fotográficos máis importantes de España sobre a emigración galega e española: o arquivo da Axencia EFE. Son na súa maioría retratos próximos que narran as circunstancias vitais da xeracións dos nosos pais e nais, avós e avoas, que abandonaron a súa terra na procura dun futuro mellor.

Corrente Cultural é unha aposta de Abanca e Afundación para espallar cultura por toda Galicia. Un proxecto que naceu hai cinco anos coma un contedor de arte que vai rotando por máis de cen concellos, contando coa súa colaboración, para construír canda eles unha rede de calidade. As iniciativas deste ciclo contan cunha coidada produción e cunha querenza pola nosa tradición.

A mostra poderá visitarse do 11 de novembro ao 26 de decembro de 2021 na Casa da Cultura Santeiros de Chave de Lousame de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas (coa excepción dos mércores, que só haberá servizo de mañá). Tamén estará accesible os domingos 14, 21 e 28 de novembro, de 16:00 a 20:30 horas; e o sábado 4 de decembro, de 10:00 a 14:00 horas.