Friday 22 de November de 2024

O Concello da Coruña pon en marcha unha ferramenta informática aberta á cidadanía para dar a coñecer os detalles dos proxectos EIDUS na cidade


A Concellaría de Urbanismo leva executados case 10 millóns de euros en proxectos cofinanciados con fondos europeos

O Concello da Coruña habilitou unha nova ferramenta en liña que permite consultar o estado dos proxectos que contan con cofinanciamento europeo e doutras administracións na cidade. A páxina PowerBi EidusCoruña permítelle a calquera cidadá/n ver o estado da execución de todas as obras.

Esta ferramenta amosa o compromiso do Goberno de Inés Rey coa transparencia na súa xestión dos fondos achegados pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e da Estratexia EIDUS. A Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, que dirixe Juan Díaz Villoslada, leva executados proxectos por valor de 9.398.936 euros incluídos nesta estratexia.

A ferramenta PowerBi está pensada para axilizar o proceso de análise dos datos dos ditos traballos a través dunha interface interactiva e accesible para calquera persoa usuaria. Amosa de maneira gráfica e visual a evolución da execución da Estratexia EidusCoruña a través dos datos recollidos polos servizos municipais.

A ferramenta ten agregados os datos de todas as operacións que forman parte do Plan EidusCoruña e, polo tanto, están cofinanciadas pola Unión Europea e o FEDER ao 80%. Ademais, en PoweBi tamén é posible consultar aqueles traballos que non están cofinanciados con fondos europeos pero que pola súa natureza están dentro do Plan EidusCoruña.

Os datos que amosa esta ferramenta en liña permítenlles ás persoas usuarias coñecer o alcance real da Estratexia EidusCoruña, tanto a nivel de operacións como de orzamento executado. É posible tamén filtrar a información por obxectivo específico, temática ou liña de actuación. Entre as actuacións máis destacadas da estratexia están a rehabilitación do mercado de Durmideiras, con 1.507.240 euros; o
servizo de BiciCoruña, con 1.792.030 euros; a rehabilitación da contorna do mercado de Santo Agostiño (619.520 euros) e as obras na rúa Nosa Señora do Rosario (669.254 euros).

Toda a información estará dispoñible a partir deste xoves 11 de novembro na páxina web de EidusCoruña