Friday 22 de November de 2024

A Deputación reserva a centros especiais de emprego a atención de visitantes no Pazo de Mariñán, Batáns de Mosquetín e Torres do Allo


A intención da institución provincial é que os monumentos estean abertos a partir do 27 de marzo, coincidindo coa Semana Santa, e ata finais de ano

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio da contratación dos servizos de atención a visitantes no Pazo de Mariñán, os Batáns de Mosquetín e as Torres do Allo. A novidade deste ano é que o contrato queda reservado a centros especiais de emprego, o que demostra o interese da Deputación da Coruña por fomentar a integración de persoas ou colectivos con dificultades para o acceso ao mercado laboral.

Todas as empresas ou entidades interesadas en optar a este servizo, cun presuposto de 68.544 euros, dispoñen de 15 días naturais a partir de mañá para presentar as súas ofertas.

Segundo se explica no prego de prescricións técnicas que se pode consultar na páxina web da Deputación (www.dicoruna.es), o adxudicatario deberá comprometerse a abrir os edificios ao público a partir do 27 de marzo. Desde esa data e ata o 6 de abril (ambos inclusive) a atención a visitantes realizarase desde as 11 da mañá hasta as seis da tarde todos os días da semana, incluíndo domingos e festivos, xa que coincide coa Semana Santa.

Entre o 10 de abril e o 21 de xuño o servizo realizarse os venres, sábados, domingos e festivos entre as 11 e as 18 horas, mentres que na temporada de verán volverá abrirse todos os días da semana. Finalmente, entre o 18 de setembro e o 27 de decembro retomarase a apertura durante os venres, sábados, domingos e festivos. No caso concreto dos Batáns de Mosquetín, o edificio pechará os domingos pola tarde tanto en Semana Santa como entre o 18 de setembro e finais de ano.

Un día da semana deberá quedar reservado para visitas escolares, data que poderá modificar a Deputación en función das súas necesidades, e que non suporá o peche para o público.

Entre as funcións do adxudicatario está o facilitar o acceso ao recinto, informar aos visitantes sobre a historia ou os bens incluídos no monumento en cuestión, e facilitar todo tipo de información ou folleto e documentación tanto sobre o edificio que se estea a visitar como da contorna na que se atope. É dicir, dos arredores do Pazo de Mariñán e de toda a Costa da Morte no caso dos Batáns de Mosquetín e Torres do Allo.

Pola súa banda, a Deputación comprométese a facilitar aos encargados do servizo a información que eles proporcionarán a todos os visitantes.