Saturday 16 de November de 2024

A Xunta concede axudas por preto de 700.000€ para que dez entidades sen ánimo de licro impulsen a inclusión laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero


― O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se da publicidade aos apoios, incluídos nas actuacións do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

― Neste programa, no que xa participaron 1.766 mulleres dende 2016, fináncianse itinerarios de inserción laboral e cursos de formación para o emprego

― A Consellería de Emprego e Igualdade destinará en 2022 un total de 2,7 millóns de euros no seu orzamento para fomentar a contratación e a inserción das vítimas

A Xunta destinará axudas por unha contía próxima aos 700.000 euros a que un total de dez entidades sen ánimo de lucro favorezan a inserción laboral de mulleres vítimas da violencia de xénero a través de itinerarios desenvolvidos especificamente para elas.

O Diario Oficial de Galicia da publicidade hoxe aos resultados da convocatoria coa que a Consellería de Emprego e Igualdade impulsa a inclusión laboral destas mulleres, coa premisa de que a independencia económica e o emprego resultan fundamentais para garantir a emancipación e liberdade das vítimas da violencia de xénero respecto dos seus agresores.

As organizacións sen ánimo de lucro beneficiarias na actual convocatoria son: a Asociación Cimo, Alar Galicia, Fundación CIP, Fundación Nortempo, Asociación de Empresarios de Mos (Aemos), Asociación Empresarial de Transporte de Mercancías por Carretera (Apetamcor), Asociación Amicos, Fundación Impulsarse, Ecos do Sur e a Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses (Axel).
Todas elas desenvolverán programas con plans personalizados para que as vítimas da violencia de xénero accedan a un posto de traballo, orientación profesional e asesoramento laboral, co correspondente acompañamento na busca activa de emprego.

Nestas axudas, nas que xa participaron preto de 1.800 mulleres dende 2016, inclúense contías específicas para compensar os gastos nos que se poidan incorrer por estar nos programas e para incentivar, por outra banda, a participación nos mesmos.

Con esta iniciativa, a Xunta tamén aposta pola formación para o emprego coa finalidade de capacitar ás participantes para a súa entrada no mercado laboral, así como polas axudas á conciliación que doten a estas mulleres da liberdade para tomar partido nas accións relativas ao seu itinerario de inserción sociolaboral e na formación para o traballo.

Na actual convocatoria establécese ademais a obriga de que polo menos o 10% das mulleres participantes nos programas conten cun posto de traballo ao seu remate.
Estes apoios enmárcanse nas actuacións desenvolvidas por Galicia no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

A Consellería de Emprego e Igualdade quere seguir a traballar pola independencia económica das mulleres vítimas, e dotalas de ferramentas que lles permitan incorporarse ao mercado de traballo. Precisamente previr esta lacra segue a ser un dos aspectos máis importantes da folla de ruta deste departamento, que destinará 17,9 millóns de euros a loita contra a violencia de xénero en 2022, co que se incrementa o orzamento nun 22% fronte ao ano anterior. Un total de 2,7 millóns de euros irán destinados ao fomento da contratación e a inserción laboral das vítimas, que seguirán contando con axudas económicas (de pagamento único, periódico, indemnizacións e axudas directas a orfas e orfos e vítimas da violencia vicaria) por valor de 5,6 millóns de euros.