Friday 22 de November de 2024

O alcalde asiste á posta en marcha do primeiro ascensor público instalado para mellorar a accesibilidade no barrio Dos mallos


A nova infraestrutura, cun presuposto de 143.264 euros, enmárcase dentro do compromiso do Goberno municipal de impulsar a mobilidade peonil

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou hoxe a zona Dos mallos, onde a Concellaría de Infraestruturas concluíu a instalación do ascensor da rúa Ramón Cabanillas, xunto ao mercado, o primeiro elevador do Plan de Accesibilidade que se pon en marcha na cidade. Trátase dun proxecto deseñado para facilitar a conexión e a mobilidade entre esta vía e a avenida de Arteixo e que se converte na porta de entrada ao barrio.
Esta iniciativa inclúese dentro do Plan de Accesibilidade impulsado polo actual equipo de goberno e no que o xurado do concurso de ideas -o Concello contou coa colaboración dos colexios deArquitectos; Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos;
e Enxeñeiros Industriais- decidiu os proxectos gañadores para mellorar a mobilidade noutros puntos singulares da Coruña(ademais do ascensor da rúa Ramón Cabanillas con avenida deArteixo; están as escaleiras mecánicas de Mestre Clavé e o elevador de Capitán Troncoso con Xeneral Alesón), aos que se suma o ascensor proxectado en Historiador Vedía para mellorar a accesibilidade peonil nesta rúa, un proxecto que, atendendo a demanda dos veciños, substitúe á iniciativa de implantar un elevador en Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez.
O alcalde destacou que o novo proxecto, cun investimento final de 143.264 euros, permite conectar a rúa Ramón Cabanillas coa avenida de Arteixo a través dun ascensor: “Trátase dunha solución de mobilidade demandada polos veciños e que responde ao compromiso do Goberno municipal de contar cunha cidade máis accesible e onde os peóns sexan os verdadeiros protagonistas”.
“Este novo ascensor vaise converter na porta de entrada ao barrio Dos mallos e permítenos favorecer a conexión coa zona de Sagrada Familia. O ascensor unirá para sempre os dous barrios. Optouse pola colocación dun ascensor porque é a solución idónea para mellorar a accesibilidade e, neste caso, ocupa menos espazo que unhas escaleiras mecánicas. Ademais, o elevador é visible dende a avenida de Arteixo, o que tamén favorecerá a súa utilización,” afirmou o alcalde.
O elevador axústase ao proxecto gañador do concurso de ideas, no que se propoñía, ademais dunha solución ao problema de accesibilidade nesta zona -coa colocación dun elemento único, case escultural, para situar un ascensor e unhas escaleiras en espiral-, unha ordenación do espazo para eliminar obstáculos e potenciar a visibilidade das escaleiras.

SEGUNDA FASE DO PROXECTO
O alcalde destacou que o Goberno municipal xa puxo en marcha unha segunda fase do proxecto de urbanización da rúa Ramón Cabanillas e o seu cruzamento coa avenida de Arteixo. Así, fai pouco máis de dúas semanas, o departamento de Infraestructurasiniciou as obras de mellora da accesibilidade da parada de bus situada á altura do número 85 da avenida de Arteixo.
O novo proxecto, coordinado coa Concellaría de Mobilidade, inclúe a ampliación da beirarrúa próxima ao número 85 da parada de bus da avenida de Arteixo e a instalación de baldosas antideslizantes de semellantes característicos ás colocadas noutros puntos do barrio. Ademais, recolleranse as augas pluviais e recolocaranse os colectores de residuos sólidos urbanos. Así, por exemplo, aprovéitase un espazo baixo a escaleira de Ramón Cabanillas para situar os colectores e reducir o seu impacto visual sen dificultar a súa utilización. Ao desprazar os colectores da súa posición anterior -na liña de aparcadoiro- amplíase a beirarrúa en case un metro de ancho.
A solución proxectada permitirá un uso máis cómodo de toda a beirarrúa, a implantación dunha marquesiña e o uso accesible do transporte urbano. A obra, que estará rematada no mes de marzo, ten un presuposto de 11.979 euros e enmárcase dentro do compromiso do Goberno municipal de mellorar a accesibilidade no barrio e supón dar continuidade ao proxecto de conexión da avenida de Arteixo con Ramón Cabanillas a través dun ascensor.