Friday 22 de November de 2024

O Concello de Boqueixón convoca o VII Concurso de Fotografía “Paisaxes de Boqueixón”


O concello de Boqueixón convoca a sétima edición do Concurso de Fotografía “Paisaxes de Boqueixón”, que ten como principal obxectivo fomentar a creatividade e dar a coñecer ao público en xeral a diversidade e riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística do municipio.

O certame está aberto ao público en xeral e cada participante poderá presentar ata un máximo de 3 fotografías. A temática das imaxes deberanse tomar no municipio de Boqueixón e centraranse en aspectos como a súa riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística. Non se admitirán fotografías nas que aparezan persoas. O prazo de envío das propostas finalizará o próximo 30 de novembro.

O xurado do VII Concurso de Fotografía Paisaxes de Boqueixón fará pública a súa decisión o día 10 de decembro aos doce autores/as seleccionados/as, así como ás tres persoas premiadas. Os premios entregaranse en forma de vales de compra que se poderán cambiar en calquera estabelecemento do municipio. O primeiro premio estará dotado cun vale de 200 €; o segundo, cun vale de 100 €, e o terceiro, cun vale de 50 euros.