Friday 22 de November de 2024

O Concello de Miño recoñece a dous deportistas locais que tiveron éxitos destacados durante o ano 2021


• No acto homenaxeouse a Carlos Do Carmo Silva, gañador da Copa de Campións en categoría xuvenil co Deportivo da Coruña, e Juan Vázquez Amado, gañador da Copa do Mundo de Cuadriatlón.

O Concello de Miño celebrou onte un acto para recoñecer o traballo e a traxectoria de dous deportistas locais, Carlos Do Carmo Silva e Juan Vázquez Amado, que durante este ano 2021 viron recompensado todo o seu esforzo coa consecución de senllos éxitos.

No caso de Carlos Do Carmo, xogador de fútbol que actualmente milita na VDE Somozas da Terceira RFEF, a pasada tempada proclamouse gañador da Copa de Campións de España en categoría xuvenil co RC Deportivo da Coruña, un fito no deporte galego.

Juan Vázquez Amado, pola súa banda, gañou a Copa do Mundo de cuadriatlón en Cazalegas (Toledo). O cuadriatlón é unha disciplina que consiste en nadar 750 metros, facer 18 quilómetros de ciclismo, 4 de piragüismo e 5 quilómetros de carreira. O miñense competía con deportistas de primeiro nivel como o múltiple campión do mundo.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, entregoulles uns obsequios de parte do Concello e encomiou o palmarés de ambos os deportistas, destacando que “este tipo de recoñecementos son unha forma de poñer en valor todo ese esforzou que facedes e que indiscutiblemente está detrás dous vosos éxitos”.

Do Carmo quixo agradecer ao Concello a iniciativa e “aos directivos da AD Miño, que me animaron desde pequeno a xogar ao fútbol, ademais da Juan Tenreiro, que para min foi como un pai, sempre atento” e, no mesmo sentido, Juan Vázquez tamén agradeceu ao Concello o recoñecemento e recoñeceu o “labor impagable de Juan Tenreiro co deporte de Miño”. Ademais, Vázquez mostrouse “orgulloso de pertencer ao Club Náutico de Miño que, como todos os clubs locais, están a facer un traballo moi importante de promoción do deporte no pobo”.

No acto, celebrado no salón de plenos da casa do concello, os homenaxeados estiveron acompañados de familiares, amigos e tamén de membros da directiva do AD Miño e do Club Náutico de Miño, ademais do concelleiro de Deportes, José Manuel Pantín e outros membros do goberno local.