— A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe no primeiro dos dous actos que o Xacobeo vai protagonizar no país transalpino co obxectivo de converterse nun motor de recuperación e de internacionalización do Ano Santo
— Os italianos representan o segundo mercado emisor de peregrinos estranxeiros máis importante, despois de Portugal
— A promoción do Xacobeo en Italia completouse hoxe cun relatorio no CMI de Turespaña en Roma e cun workshop cun cento de operadores turísticos italianos que mantiveron encontros de traballo cun empresarios galegos.
— A Fondazione Giangiacomo Feltrinell de Milán acollerá o xoves a segunda das presentacións do destino Galicia e da celebración do Ano Santo
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na primeira das dúas presentacións da celebración do Ano Santo e do Xacobeo 2021-2022 que teñen lugar en Italia esta semana. O Palacio de Exposicións de Roma acolleu esta primeira presentación no país veciño nun acto no que participaron o Embaixador de España en Roma, Alfonso Dastis, o conselleiro de Turismo en Roma, Jorge Rubio e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, ademais de empresarios turísticos italianos e prensa especializada. O segundo acto de presentación terá lugar o xoves en Milán.
De xeito previo á presentación oficial do Xacobeo 21-22, celebrouse neste mesmo espazo un workshop entre empresas galegas de turoperación e preto dun cento de operadores turísticos italianos co obxectivo de establecer novas sinerxías comerciais, un aspecto no que fixo fincapé a directora de Turismo de Galicia na súa intervención.
Castro destacou os lazos que unen Galicia e Italia “unidas desde hai séculos pola liña invisible que trazan os peregrinos que percorren os diferentes camiños de peregrinación que atravesan Italia, sexa en dirección a Roma, a Santiago ou a Xerusalén”. En 2019 foron máis de 30.000 os italianos que percorreron o Camiño cara a Santiago e no que vai de ano xa son máis de 7.000, un 4,3% do total de peregrinos que recolleron a súa credencial de peregrinos, un dato que pon de manifesto a progresiva recuperación do peregrino internacional, un dos obxectivo fixado para o Xacobeo do vindeiro ano.
De feito, con este acto de presentación do Xacobeo búscase precisamente darlle un pulo á promoción da celebración do Ano Santo fóra das nosas fronteiras, ao tempo que se reforza a presenza da oferta turística de Galicia en Italia, o segundo país emisor de peregrinos estranxeiros no Camiño de Santiago.
Presenza en Italia
As actividades de promoción de Galicia e do Xacobeo en Italia completaranse cunha segunda presentación do destino e do Ano Santo que terá lugar o vindeiro xoves, 11 de novembro na Fondazione Giangiacomo Feltrinell de Milán, nun acto que contará coa presenza da Conselleira de Turismo da Embaixada de España en Italia e Cónsul Adxunta de España en Milán, Isabel Garaña, e do presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal.
Ademais, cómpre lembrar que durante este mes sucederanse as actividades de promoción do Xacobeo no Centro Multimedia Interactivo de Promoción turística de España, posta en marcha por Turespaña en Roma e dedicado de forma preferente esta ano á promoción do Xacobeo. Un centro que acollía esta mañá un relatorio a cargo do escritor Fabrizio Ardito sobre a súa guía de recomendacións para peregrinos Come sopravvivere al Cammino di Santiago que terán continuidade con outros micro eventos arredor da experiencia do camiño, o Camiño inclusivo ou as diferentes opcións para percorrelo.