Friday 22 de November de 2024

A Xunta investiu máis de 217.000€ en seis concellos na orde de infraestruturas de uso público destinada a concellos da comarca de Bergantiños-Costa da Morte


— O delegado da Xunta na Coruña e o alcalde de Coristanco visitaron as obras realizadas no parque infantil municipal que presta servizo ao CRA

— Trenor lembrou que na convocatoria deste ano primáronse os proxectos de accesibilidade aos edificios e instalacións deportivas e que se reservaron 4M€ en total para investimentos nos municipios de toda Galicia

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, o alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, supervisaron esta mañá as obras de remodelación do parque infantil municipal que presta servizo ao CRA deste concello. Esta actuación foi posible grazas a unha axuda ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público e contou cun investimento de case 28.000 euros dun investimento total de case 32.000 euros.

O representante do Goberno galego destacou que a través desta orde apoiou na comarca de Bergantiños-Costa da Morte 6 proxectos nos concellos de Laxe, Coristanco, A Laracha, Cee, Cabana de Bergantiños e Camariñas por un importe total de máis de 217.746 euros que mobilizaron en total 240.000 euros.
A través desta orde de axudas, a Xunta financia os proxectos dos concellos galegos para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. En concreto, a construción, ampliación ou mellora das redes de luz pública; parques infantís, incluíndo a posta en marcha de parques cubertos ou a cubrición dos existentes; así como edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos municipais e instalacións deportivas de uso público, onde tamén se apoiará a mellora da súa accesibilidade e a dotación de equipamentos. De feito, como novidade da convocatoria deste ano, primáronse os proxectos de accesibilidade dos edificios e instalacións deportivas municipais.

As axudas van dirixidas aos concellos galegos de menos de 30.000 habitantes e financiaranse ata os 80% do custe dos proxectos para os pidan financiamento, cun máximo de 40.000 euros para os municipios que presenten solicitude de forma individual e ata 50.000 para os que a realicen de forma conxunta.

Trenor destacou que estas axudas para 2021, mantiveron o orzamento de 4 millóns de euros, despois de incrementalo en 2020 nun millón de euros. O delegado destacou que con estes apoio a Xunta aposta por manter o apoio que precisan os municipios para levar a cabo actuacións que contribúan a mellorar a calidade dos seus veciños e a paliar as consecuencias económicas da crise sanitaria da covid-19 dos concellos en canto á prestación de servizos.