A alcaldesa pon en valor o compromiso do seu goberno coa recuperación dos espazos emblemáticos da cidade
A alcaldesa Inés Rey destacou hoxe o compromiso e xenerosidade do escultor Emilio Celeiro coa cidade na inauguración da escultura ‘Xente’ cedida polo autor á cidade. A obra de arte, unha homenaxe aos sanitarios que loitaron contra a pandemia, situarase desde hoxe nos xardíns de Méndez Núñez.
En palabras da alcaldesa “a cidade ten que agradecer a Emilio Celeiro e a súa familia a súa xenerosidade. A peza que hoxe inauguramos está considerada como a máis importante das esculturas de Celeiro. Conscientes da importancia que ten para a sociedade a mensaxe que transmite esta obra, doárona á cidade para que todos poidamos gozar dela. Estamos ante un auténtico exemplo de como facer cidade. Cada unha das achegas dos cidadáns que forman A Coruña fanos sentir máis orgullosos de formar parte dela. E hoxe estamos diante dunha obra que, sen dúbida, ennobrece aínda máis os nosos xardíns, e a nosa cidade”.
A rexedora destacou que a instalación desta peza supón unha dobre homenaxe, ao persoal sanitario, que multiplicaron os seus esforzos durante a pandemia polo ben da sociedade e a un dos artistas coruñeses máis importantes e recoñecidos, Emilio Celeiro .
Rey subliñou o compromiso do seu goberno coa recuperación dos espazos emblemáticos da cidade como os xardíns de Méndez Núñez, “onde podemos percorrer a historia da Coruña a través das esculturas dalgúns dos seus persoeiros máis senlleiros. Uns xardíns que estamos recuperando e coidando para o goce dos coruñeses e coruñesas e aos que hai uns días regresaba tamén a este, o seu fogar, a estatua orixinal de dona Emilia Pardo Bazán”.