Friday 22 de November de 2024

Os Concellos de Boqueixón, Touro, Vedra e Vila de Cruces amosan conxuntamente a súa oferta turística no Fairway de Santiago


Os Concellos de Boqueixón, Touro, Vedra e Vila de Cruces promoveron os seus recursos turísticos, culturais e empresariais vencellados cos Camiños de Santiago na cuarta edición do Fairway, que tivo lugar do 7 ao 9 de novembro no Pazo de Congresos de Santiago.

No seu expositor conxunto, os catro municipios aproveitaron para dar a coñecer as amplas posibilidades que poden ofrecer ás persoas que acoden a Compostela a través de calquera dos itinerarios xacobeos. Áreas naturais e recreativas, patrimonio cultural, histórico e artístico, comercio de proximidade e de calidade son só algunhas das propostas que se puxeron ao alcance das persoas que visitaron Fairway, co Pico Sacro como principal protagonista.

Así mesmo, o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, participou tamén na presentación “Ponferrada e o Camiño de Inverno, un percorrido inolvidable”, promovida pola Asociación Camiño de Inverno, da que forma parte o Concello de Boqueixón.