Afirma que este compromiso está reflectido nuns orzamentos expansivos de 380 millóns que dedican 185 millóns á formación para o emprego e case 52 para o Plan emprega xuventude
Na aposta da Xunta polo diálogo, precisa que esta axenda abrirase, a partir de agora, ás conclusións das mesas de traballo convocadas, coa previsión de poñela en marcha de xeito definitivo na primavera de 2022
Pide que a regulación laboral se aborde con rigor, “construíndo a saída desta transición mundial que estamos a vivir as economías occidentais”, dixo, incidindo en que a Xunta non pode compartir unha política económica baseada en maior rixidez laboral e nas subas de impostos
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego como unha folla de ruta para sincronizar a oferta coa demanda de postos de traballo; “unha ponte entre o mercado laboral e as persoas desempregadas e os traballadores”, abundou.
Diante duns tempos marcados pola transformación, nos que a tecnoloxía e a dixitalización viñeron para quedarse; onde milleiros de postos de traballo se modernizarán, outros novos aparecerán e outros desaparecerán; e os profesionais estarán abocados a unha actualización continua das súas aptitudes, Feijóo aseverou que “ou evolucionamos ou nos quedamos atrás”, incidindo na aposta da Xunta por dar un novo pulo á formación laboral na Comunidade.
Un compromiso, subliñou, reflectido nuns orzamentos expansivos de 380 millóns de euros que dedican: case 52 millóns para o Plan emprega xuventude; 35,5 millóns para as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social; 33,4 millóns para o Plan emprega muller; e 16 millóns para favorecer a conciliación. “E un compromiso sen precedentes pola formación para o emprego que se substancia en 185 millóns de euros reservados só pola Consellería de Emprego e Igualdade nas contas autonómicas”, engadiu.
A Axenda Galega de Capacidades para o Emprego ten como obxectivos formar aos traballadores para unha economía en transformación, a través de itinerarios modulares e competencias transversais; reforzar a implicación dos axentes públicos e privados, incluídas as pemes e micropemes; e crear unha bolsa de traballadores preparados para desempeñar as funcións que pilotarán o crecemento da nosa economía nas vindeiras décadas.
Así mesmo, precisou que esta axenda abrirase, a partir de agora, ás conclusións das mesas de traballo convocadas, coa previsión de poñela en marcha de xeito definitivo na primavera de 2022. Todo elo co fin de dar un pulo á formación dos colectivos vulnerables para que poidan atopar a súa oportunidade; relanzar a capacitación dos traballadores que modernizarán sectores cun forte arraigo como a construción, o turismo, a hostalaría e o comercio; preparar aos traballadores da economía azul -pesca, naval, renovables mariñas-, da economía verde -forestal, agroalimentario e renovables-, doutras industrias tractoras -automoción, aeronáutico e metalúrxico- e do sector da loxística; e relanzar postos de traballo vinculados á economía dixital, o sector das TIC e á transformación das pemes.
Nesta liña, recordou que en paralelo a esta folla de ruta, a Xunta está a desenvolver outras iniciativas, como: a modernización sen precedentes do Servizo Público de Emprego, a través da modernización das oficinas e cun novo software de xestión que cruza os datos dispoñibles para ser máis eficaces; o Campus Virtual, que abrangue a oferta formativa de 1.000 centros e aspira a chegar a 15.000 alumnos cada ano; e a aposta pola formación específica a colectivos prioritarios como desempregados ou mulleres do rural.
Unha transición enerxética xusta e unha regulación laboral que se aborde con rigor
Logo de referirse tamén a aposta da Xunta polo diálogo -neste mandato o Goberno galego leva activadas preto de 40 reunións no marco do Diálogo Social, 27 delas só neste 2021-, Feijóo aproveitou o acto para demandar novamente unha transición enerxética xusta que non poña na picota 16.500 empregos da industria galega. Ademais de pedir que a regulación laboral se aborde con rigor, “construíndo a saída desta transición mundial que estamos a vivir as economías occidentais”, dixo, incidindo en que a Xunta non pode compartir unha política económica baseada en maior rixidez laboral e nas subas de impostos.
Pola súa banda, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, explicou que a Axenda de Capacidades estará centrada “na consecución dun sistema de colocación para o emprego eficaz; na optimización dos medios destinados á unha cualificación profesional útil; e na mellora da estabilidade, consolidación e crecemento das empresas galegas”. O propósito é “mellorar a eficiencia do emparellamento entre a demanda e a oferta de emprego, ao tempo que se aposta pola retención do talento da nosa poboación e pola atracción do talento estranxeiro”, apuntou.