Adscrita á programación cultural que transcorrerá na Pobra durante o último trimestre do ano con sesións teatrais dirixidas a maiores de 16 anos, as táboas do Elma serán escenario no 14 de novembro, ás 19.00 horas, da representación de Feminíssimas, da compañía De Ste Xeito Producións, onde tres amigas da adolescencia que hai anos que non se ven coinciden nun Congreso Feminista na cidade de Vigo. Tres amigas que teñen tres maneiras distintas de entende-lo feminismo. Unha creación con altas doses de humor.
A peza está dirixida por Xavier Castiñeira e con dramaturxia de Esther F. Carrodeguas, quen tamén forma parte do elenco xunto con Stephy Llaryora e Noelia Blanco.
A entrada é de balde e as persoas interesadas en asistir deben formaliza-la súa reserva na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto 981831545. Seguiranse as medidas establecidas por mor da COVID-19.
Organiza a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.