― A Administración autonómica propón outorgar 14,6M€ a nove proxectos considerados aptos polas dúas administracións
― Na provincia da Coruña obterían 2M€ os proxectos de As Mariñas-Betanzos e Muros e Noia; 1,5M€ os proxectos da Deputación da Coruña e 1,3M€ a proposta do Concello de Ribeira.
― Na provincia de Pontevedra obterían 2M€ a proposta do Concello de Pontevedra, 1,5M€ os proxectos presentados por Marín e Sanxenxo e 1,3M€ o de Baiona.
― A Xunta mostra a súa perplexidade pola rectificación do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo despois de que o pasado venres se consensuara, baixo criterios técnicos, catalogar como aptos nove proxectos e como non aptos outros sete
― As únicas discrepancias radican en tres plans que o Goberno central consideraba aptos tecnicamente pero que non encaixaban na estratexia de litoral que todos os destinos coñecían con anterioridade á presentación dos proxectos
A Xunta de Galicia remitiu hoxe ao Ministerio de Industria, Comercio y Turismo a proposta de asignación de fondos aos nove proxectos considerados aptos tanto pola Administración autonómica como polo Goberno central na xuntanza mantida o pasado venres con representantes da Secretaría de Estado de Turismo do Ministerio e da FEGAMP. Nesa xuntanza analizáronse desde un punto de vista técnico as 19 candidaturas presentadas á convocatoria extraordinaria dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD).
A Administración autonómica propón outorgar os 14,6M€ asignados a Galicia a nove proxectos: no caso dos proxectos As Mariñas-Betanzos e Muros-Noia e Concello de Pontevedra se lle adxudicaría 2M€ a cada un mentres que aos proxectos da Deputación da Coruña (Fragas do Eume e Xeoparque Cabo Ortegal), Concello de Marín e Sanxenxo se lle concederían fondos por importe de 1,5M€. Finalmente se lle outorgaría 1,3M€ aos proxectos de Ribeira e Baiona.
A reunión da comisión consultiva foi clara en canto a resolver como aptos nove dos proxectos presentados e como non aptos outros sete, atendendo aos criterios fixados no marco do Plan de Recuperación e Resiliencia baseados na calidade, coherencia e precisión do proxecto, a vocación turística do destino e o aliñamento coa estratexia de desenvolvemento turístico autonómica e estatal. Neste sentido cómpre destacar que os proxectos aptos pertencen a administracións de todas as cores políticas. De aí a perplexidade que o Goberno galego amosa ante o comunicado do Ministerio, que parece tentar reverter esta decisión técnica.
Plan Litoral
A única discrepancia no proceso de consenso dos proxectos considerados aptos produciuse nos proxectos dos concellos de Cortegada, Carballiño e o presentado pola Deputación de Pontevedra para o territorio Condado-Paradanta, que, en todo caso, non terían encaixe na estratexia autonómica desta convocatoria (Plan Litoral). O carácter litoral do plan, que todos os participantes coñecían ao comezo do proceso, deixaría fóra desta convocatoria estes proxectos, que poderán concorrer xa en 2022 e 2023 aos próximos Plans territoriais de sostibilidade, que terán outras temáticas.
Polo demais Administración autonómica e central estiveron de acordo na xuntanza, de aí a sorpresa do Goberno galego ante un comunicado do Ministerio contraditorio co establecido na reunión da comisión consultiva. Un texto que non responde ao espírito de cogobernanza multinivel que se fixou para o desenvolvemento destes plans turísticos, que teñen como obxectivo a recuperación e modernización dos destinos turísticos, unha competencia que, cómpre lembrar, correspóndelle ás comunidades autónomas.