Friday 22 de November de 2024

Últimos días para reservar invitacións para a función de A lúa vai encuberta, de Manuel María, no Concello de Fene


A montaxe, gañadora do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, representarase o vindeiro domingo, 14 de novembro, ás 19.00 horas no local da SCRD Agarimo de Sillobre, da man das compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante. O prazo de reserva de entradas para asistir á función está aberto até as 12.00 horas do venres día 12, por correo-e (cultura.deportes@fene.gal), whatsapp 607 625 357 ou teléfono 981 34 03 66, indicando o nome e apelidos das persoas que queiran asistir e un número de teléfono de contacto. Función organizada pola Concellería de Cultura de Fene, coa colaboración de Agarimo de Sillobre, e subvencionada pola Deputación da Coruña.

“A lúa vai encuberta” está protagonizada polos actores Melania Cruz e Tito Asorey (director da obra), da compañía A Quinta do Cuadrante, e Vanesa Sotelo e Davide González, da plataforma artística Incendiaria. Trátase dunha peza arredor da realidade galega e da loita incesante por conformar unha identidade propia, confrontándonos co noso pasado recente e as súas contradicións, desvelando un discurso que hoxe en día está sendo, senón ocultado, moitas veces silenciado e que explica, en certa maneira, as razóns de por que hoxe en día o noso país ten os trazos políticos, sociais e económicos que o caracterizan.

En 1977, ano da celebración das primeiras Eleccións Xerais despois da ditadura franquista, o grupo teatral da Asociación Cultural Auriense trata de continuar cos ensaios de A lúa vai encuberta de Manuel María pero, no medio do proceso, o colectivo desfaise definitivamente e o tempo queda en suspenso ata que, corenta e catro anos despois, dúas novas compañías se unen para retomar o traballo no punto no que o deixaron co obxectivo de levar a escena a obra e descubrir as razóns da disolución. Trátase das produtoras A Quinta do Cuadrante, proxecto dos creadores escénicos Melania Cruz e Tito Asorei, e Incendiaria, plataforma artística nacida en 2014 como laboratorio de creación e composta por Vanesa Sotelo e Davide González.