A parroquia de Santo Isidro de Posmarcos viviu nesta mañá o acto de presentación da restauración do cruceiro de Abuín. Con data de 1789, a súa construción foi promovida, encargada e pagada por un matrimonio do lugar e un século máis tarde foi doado pola familia Abuín ao Concello da Pobra do Caramiñal para sumar este ben cultural ao patrimonio público.
Hai uns anos comezou o seu proceso de restauración e, nesta xornada, xa ocupando novamente o seu destino, quíxose dar a coñecer o labor ao que foi sometido este elemento arquitectónico que resulta “singular, pola súa antigüidade, pola riqueza artística das súas imaxes e do seu capitel. Pezas deseñadas e refinadas por un obradoiro de escultura, propio do estilo barroco máis grande e depurado da arte popular de Galicia”, tal e como indicou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), quen rematou a súa intervención manifestando a importancia de conservar e protexer un ben patrimonial desa categoría.
O restaurador José Aguiño explicou o proceso de recuperación, que foi lento e laborioso, pois hai varios anos a vara partiu en nove anacos e o capitel fracturouse, quedando a cruz e as imaxes en 50 anacos. Expuxo así como se conseguiu restaurar a totalidade do cruceiro, ademais de diversas curiosidades sobre o mesmo coma, por exemplo, no relativo á orientación das imaxes.
Pola súa parte, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), puxo en valor a riqueza patrimonial coa que conta esta parroquia pobrense, xa que, ademais de numerosos cruceiros, están presentes sartegos e un castro. Anunciou tamén que hai outra actuación prevista para contribuír á protección do cruceiro e que consistirá na colocación dun bancos graníticos ao seu arredor e un empedrado de adoquíns na contorna. “Seguiremos traballando polo patrimonio do noso concello”, concluíu.
Entre as persoas asistentes atopábase veciñanza, representantes de entidades locais e membros da corporación municipal, así como o párroco Marcelino Sánchez, o presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), Carlos Fernández Coto, e o doador do cruceiro, Juan Manuel Noal Abuín.
O toque musical da xornada correu a cargo do grupo de música tradicional Os Caraveiros e ao remate do acto dispuxéronse uns petiscos.