― Impartidas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, as primeiras accións leváronse a cabo esta semana no Rosal e en Padrón, mentres no que resta de mes será a quenda de Vilanova de Arousa, A Laracha e Mondoñedo
― O obxectivo é dar a coñecer as posibilidades existentes para comercializar produtos agroalimentarios vinculados ao territorio e formar no xeito de producir no marco da calidade diferenciada
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, está a organizar varias xornadas técnicas de horta nas principais zonas deste tipo de produción en Galicia, co obxectivo de dar a coñecer as posibilidades existentes para comercializar produtos agroalimentarios, así como o xeito de producir no marco da calidade diferenciada. En concreto, esta semana leváronse a cabo as primeiras accións no concello pontevedrés do Rosal e no coruñés de Padrón. As seguintes están previstas na localidade pontevedresa de Vilanova de Arousa (os 11 e 12 de novembro), na coruñesa da Laracha (os días 18 e 19) e, por último, na lucense de Mondoñedo (os 22 e 25 deste mes).
Deste xeito, búscase concienciar aos participantes na importancia da calidade á hora de comercializar os produtos de horta en Galicia, dar a coñecer a situación das principais producións hortícolas que se distribúen na nosa comunidade e tamén como están organizadas as canles de comercialización deste tipo de produtos.
Así mesmo, tamén é relevante coñecer outras experiencias de certificación das producións de horta a nivel de España, sabendo como naceron e os principais fitos na súa consolidación, que instrumentos normativos dispoñen para promover a calidade diferenciada de horta e cal é o impacto dos selos de calidade diferenciada de horta nos mercados.
Cómpre apuntar que estas xornadas se complementan con aspectos máis técnicos relacionados coa saúde dos solos, co emprego sustentable de produtos fitosanitarios ou co control das pragas e enfermidades que afectan as producións hortícolas.
Esta formación está dirixida a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.
Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a correspondente solicitude dispoñible en https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021. Deberá remitirse cuberta ao correo electrónico formacion.agacal@xunta.gal e poderá solicitarse calquera información adicional chamando aos números de teléfono 619 486 014 ou 627 570 950.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este. Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.