― As obras nestes dous hospitais públicos iniciaranse a comezos de 2022 e quedarán totalmente rematadas o vindeiro ano, xa que teñen un prazo de execución de seis meses
― Incrementarase o espazo de aparcadoiro no hospital coruñés, poñendo á disposición dos usuarios 31 prazas ordenadas, que se suman ás 53 habilitadas o ano pasado
― Construirase unha vía perimetral que favorecerá unha circulación en anel bordeando o novo aparcadoiro, conectando co camiño de Xubias de Abaixo
― No Hospital Naval de Ferrol dotaranse 266 novas prazas de estacionamento, duplicándose o número das existentes, ao construírse un aparcadoiro contiguo ao actual na zona norte, outro na zona sur e novas prazas na marxe esquerda do viario perimetral
― Tamén se executará un novo viario de acceso de uso exclusivo para ambulancias
A Xunta recibe un total de 12 ofertas para executar as obras de ampliación dos aparcadoiros do Hospital Teresa Herrera da Coruña (o Materno-Infantil) e do Hospital Naval de Ferrol, que suporán un investimento de preto de 1 millón de euros.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar as obras nestes dous centros hospitalarios a comezos de 2022. Os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses, polo que no vindeiro ano quedarán completamente rematados.
Máis en detalle, a nova actuación da Xunta no centro hospitalario coruñés Materno-Infantil permitirá incrementar o número de espazos de estacionamento, poñendo á disposición dos usuarios 31 prazas de perfectamente ordenadas, que virán sumarse ás 53 habilitadas o pasado ano.
A intervención obxecto deste contrato consistirá no acondicionamento dunha zona situada na parte traseira do hospital Materno-Infantil onde se atopan antigos depósitos e balsas de augas residuais.
Os traballos proxectados, unha vez preparada a superficie, centraranse en habilitar dous espazos para aparcadoiros, con 15 e 16 prazas, respectivamente. Na actualidade, un destes espazos, aínda que sen urbanizar, xa se usa para o estacionamento. No outro habilitaranse novas prazas á disposición do hospital.
Adicionalmente, habilitarase un viario perimetral, que permitirá realizar unha circulación en anel bordeando os novos aparcadoiros, conectando co camiño de Xubias de Abaixo, que se ampliará na zona máis próxima á actuación.
Paralelamente, modificarase un dos actuais accesos ao hospital Teresa Herrera para mellorar a ordenación do tráfico, dotándoo dunha configuración tipo rotonda.
Hospital Naval de Ferrol
A actuación proxectada no Hospital Naval de Ferrol permitirá habilitar 266 novas prazas de aparcadoiro.
Neste caso, duplicarase o número de prazas de aparcadoiro existentes, executando un novo aparcadoiro na zona norte, contiguo ao actual, outro na zona sur, e tamén novas prazas na marxe esquerda do viario perimetral. Do total de prazas, 8 serán para persoas con mobilidade reducida.
Ademais, executarase un novo viario de acceso de uso exclusivo para ambulancias, para facilitar os seus movementos, xa que o percorrido circulatorio interno dos vehículos no recinto causa interferencias que prexudican a axilidade requirida para este servizo.
Mellora dos accesos nos hospitais públicos
Estas novas intervencións do departamento que dirixe Ethel Vázquez, danlle continuidade aos traballos de mellora da accesibilidade e reforzo do firme levados a cabo o ano pasado na contorna do hospital Teresa Herrera e na Lavandería do Sergas na Coruña, e aos realizados nos hospitais Marcide, Naval e Novoa Santos de Ferrol.
Os traballos foron executados no marco dun contrato maior da Xunta de actuacións nos viarios e accesos de varios hospitais públicos da provincia, que supuxeron un investimento global de 1 M€.