Friday 22 de November de 2024

Preto de 800 persoas participan nas actividades culturais e deportivas do Concello de Camariñas


· No caso das deportivas, o fútbol é a que máis inscritos ten, e nas culturais triunfa a de música tradicional.

Son 767 as persoas que están a participar nas actividades culturais e deportivas que programou o Concello de Camariñas para este curso 2021-2022 e que contan con opcións para todas as idades.

No caso das actividades deportivas son as novas escolas de fútbol municipais as que contan con maior número de inscritos, sumando 95 rapaces e rapazas en total. O pilates tamén está a triunfar entre os veciños e veciñas de Camariñas, con 89 escritos, e as escolas de balonmán suman 71 nenos e nenas. Ioga, con 66 inscritos; ximnasia para maiores de 65 anos, con 37 inscritos; zumba, con 30 inscritos; e ximnasia de mantemento, con 26 inscritos, pechan a oferta de actividades deportivas municipais.

Nas actividades culturais son as clases de música tradicional as que contan cun maior número de inscritos nas súas diferentes modalidades (gaita, pandeireta, acordeón e tambor), chegando a 72 persoas. A tradición continúa a calar entre a veciñanza xa que as escolas de palillo contan con 67 nenos e nenas inscritos para este curso. Música (guitarra, piano e batería), suma 62 inscritos; baile galego, 38 inscritos; coro, 36 inscritos; baile moderno, 35 inscritos; danza coreográfica, 34 inscritos; e deseño do encaixe, con 9 inscritos, completan a oferta.