• Se substituirán as luminarias de vapor de sodio e proxectores de mercurio existentes por luces LED, máis eficientes energéticamente.
• A iniciativa permitirá mellorar a calidade da iluminación e a seguridade da zona, así como reducir o impacto ambiental e os custos do servizo.
• As obras serán financiadas polo Fondo de Compensación Ambiental da Xunta.
O Concello adxudicou por 34.129,31 euros a renovación da iluminación da estrada AC-862 no núcleo de Ortigueira e a súa contorna. As actuacións permitirán substituír as luces de vapor de sodio e os proxectores de mercurio existentes por novas luminarias LED. As obras financiaranse con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental da Xunta.
Os traballos por realizar inclúen tamén o cambio de cinco cadros de mando e armarios de cadros. Con este proxecto, o Concello mellorará a calidade da iluminación da zona, incrementando a seguridade viaria para as persoas que transiten por esta vía autonómica. Unha iniciativa que ofrecerá tamén unha maior eficiencia enerxética, reducindo o impacto ambiental das luces e os custos do servizo ao mesmo tempo que se produce unha mellora na imaxe do lugar.
“A iluminación desta zona presentaba problemas de eficiencia enerxética, xa que as lámpadas de vapor de sodio de alta presión e os proxectores de mercurio contan cun escaso rendemento lumínico en relación con outras solucións existentes na actualidade, como é o LED”, indica o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras. “Con esta nova iluminación seremos máis eficientes energéticamente e reduciremos a contaminación ambiental no municipio”, destaca.