Arredor de 35 estudantes do IES Félix Muriel de Rianxo, entre eles, alumnos e alumnas procedentes de Irlanda e Croacia ao abeiro do programa Erasmus+, participaron na xornada de turismo mariñeiro dirixida a centros educativos que tivo lugar neste 5 de novembro na Pobra do Caramiñal e que organiza a Concellaría do Turismo, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), en colaboración coa Asociación Mar da Pobra, coa finalidade de lles aproximar ás novas xeracións o oficio das mariscadoras e fomenta-lo respecto polo mar, polo traballo neste eido e polo medio natural, ademais de contribuír con esta acción á desestacionalización da demanda turística.
Primeiramente foron recibidos e recibidas por unha das técnicas do Turismo do Concello, quen lles explicou a actividade e fíxolles entrega dun receitario con diferentes elaboracións con bivalvos que se realizan nos establecementos hostaleiros do municipio. Así mesmo, da man das mariscadoras, tiveron a oportunidade de coñecer, na praia dos Areos, os recursos marisqueiros presentes no litoral da localidade, así como os aparellos que se empregan para a súa extracción.
Estas visitas experiencia dirixidas a centros de ensinanza de toda Galicia terán continuidade nos próximos meses seguindo a dinámica das xornadas que se desenvolveron no verán.