― O obxectivo do exercicio foi analizar a coordinación dos distintos colectivos e a capacidade de resposta a unha emerxencia aeronáutica, ao mesmo tempo que se ensaia a activación do Platerga en nivel 2 e o plan de autoprotección do aeródromo
A Xunta participou hoxe nun simulacro de accidente aéreo que tivo lugar no aeroporto da Coruña co obxectivo de analizar a coordinación dos distintos colectivos que actuarían ante unha emerxencia destas características e avaliar a capacidade de resposta e os procedementos establecidos no seu Plan de autoprotección e os doutros organismos implicados, ao mesmo tempo que se ensaia a activación do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) no nivel 2. Tamén se activaron as salas de ilesos e feridos leves e de familiares.
O exercicio simulou o accidente dun avión que, cando ía aterrar procedente de Madrid, sufriu un fallo de orixe descoñecido no tren de aterraxe, o que provocou que posteriormente saíse da pista e se incendiase. O simulacro artellouse ao redor de que aeronave sinistrada levase 1.000 quilos de combustible e 7 ocupantes, entre os 5 pasaxeiros e 2 membros da tripulación, rexistrándose 3 feridos graves e outros 3 moi graves.
Ante unha situación destas características e seguindo os protocolos, mobilizáronse os medios propios do aeroporto a través do seu plan de autoprotección do aeroporto, declarando a emerxencia aeronáutica; e, por parte da Xunta, activouse o Plan territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel 2, que estivo dirixido in situ polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva desde o Posto de Mando Principal.
Así, o aeroporto activou o seu plan de emerxencia interior, mobilizou ao seus propios medios, e informou á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia.
Unha parte do simulacro centrouse no que sería a atención aos familiares das vítimas, para os que se habilitou tamén outra sala asistida por persoal psicólogo e pola figura do PECO (Persoa de contacto para atención a familiares e vítimas) e do RAAV (Responsable de atención a vítimas do aeroporto), segundo o marco normativo na materia. Ante accidentes destas características, adoitan desprazarse varios familiares ata o enclave, de aí que sexa importante verificar os protocolos e procedementos neste ámbito.
Organismos implicados
Ademais dos medios internos do aeroporto (bombeiros, centro de coordinación, empregados, ou forzas e corpos de seguridade presentes na instalación, entre outros), tamén se mobilizaron como medios externos a Dirección xeral de Emerxencias e Interior, a través da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), o servizo provincial de Emerxencias da Xunta na Coruña, as Urxencias Sanitarias de Galicia 061, o CIFP Ánxel Casal, o Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento, o parque de bombeiros de Arteixo, o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), Cruz Vermella, Delegación do Goberno e Garda Civil.
A Xunta destaca a importancia da aposta pola prevención, como mellor ferramenta de preparación para garantir a eficacia ante ás posibles emerxencias para o que periodicamente programa e participa en simulacros de emerxencia. No caso dos simulacros xerais aeronáuticos débense realizar cada dous anos para dar cumprimento ao Plan de Emerxencia do aeroporto. O último exercicio destas características levado a cabo no aeroporto da Coruña realizouse en 2018 e en 2020 debido á situación derivada da pandemia da covid-19 executáronse medidas alternativas ao simulacro que se adiou ata este ano.