— O DOG publica hoxe a resolución pola que se acorda aumentar o importe máximo e facer unha nova distribución de fondos da oferta pública do Instituto Galego da Vivenda e Solo para mercar edificios nos núcleos históricos destes concellos
— De todas as ofertas presentadas ao abeiro da convocatoria actual, un total de 15 inmobles reúnen os requisitos esixidos e son susceptibles de adquisición
A Xunta de Galicia acaba de ampliar de 1,5 a 2,2 millóns de euros o orzamento do programa Rexurbe deste ano destinado a comprar inmobles para construír ou rehabilitar edificios de vivendas nos centros históricos da Coruña, Tui e Ribadavia.
Así consta na resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) publicada hoxe no DOG, en virtude da cal se incrementa o importe da oferta pública de adquisición en 712.000 euros, ao tempo que se redistribúen os fondos dispoñibles. Deste xeito, para a adquisición de inmobles na cidade da Coruña resérvanse 1,78 millóns de euros; para operacións no concello de Tui a partida é de 353.000 euros; e no caso de Ribadavia, ascende a 79.000 euros.
Trátase da cuarta convocatoria que lanza a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a compra pública de edificios en centros históricos co obxectivo de promover novas vivendas protexidas. Nesta ocasión, o interese do Goberno galego centrouse nos concellos da Coruña, Tui e Ribadavia, onde se recibiron en prazo un total de 15 ofertas viables e que cumpren os requisitos establecidos —seis ofertas na cidade herculina, cinco en Tui e catro en Ribadavia—.
Grazas á ampliación orzamentaria publicada hoxe, o IGVS poderá dispoñer do orzamento necesario para adquirir todos os inmobles que se presentaron á oferta pública de adquisición deste ano, aínda que antes deberá concretar os termos da operación e chegar a un acordo cos propietarios.
De feito, nos vindeiros días está previsto que o Instituto remita a súa oferta aos titulares de cada unha destas propiedades, que terán que aceptala ou rexeitala. Antes de que remate o ano, prevese asinar a resolución de aceptación daqueles inmobles cuxos propietarios estean de acordo coa proposta económica para, a continuación, iniciar o procedemento para formalizar a compra en escritura pública.
76 inmobles adquiridos en 9 concellos
As vivendas resultantes dos inmobles que sexan adquiridos cualificaranse de promoción pública (VPP) e pasarán a integrar o parque público residencial da cidade, adxudicándose en réxime de alugueiro a través do Rexistro único de demandantes de vivenda.
Cómpre lembrar que desde a primeira convocatoria oficial do programa Rexurbe, no ano 2018, a Xunta adquiriu xa un total de 76 inmobles en nove localidades galegas co obxectivo de obter grazas á súa rehabilitación 131 vivendas de protección pública.
O programa ofrece un dobre beneficio para os concellos nos que se adquiren inmobles xa que, por un lado, as vivendas resultantes converteranse no fogar de familias que contribuirán a devolverlle a vida a estes barrios, e por outro, os locais destinaranse á implantación de iniciativas empresariais dinamizadoras da zona.
Co fin de darlle continuidade ao esforzo realizado nos últimos catro anos a través desta iniciativa, os orzamentos de 2022 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reservan máis de 10 millóns a rehabilitar o patrimonio edificatorio xa adquirido e a mercar novos inmobles naqueles concellos que avanzaron na declaración da súa propia Área Rexurbe ou que xa a teñen e están a elaborar o plan de dinamización.