Saturday 16 de November de 2024

José Manuel Lage: “A política fiscal impulsada por Inés Rey supón unha clara aposta pola aplicación dun modelo progresista e máis xusto nesta cidade, pagarán menos os que menos teñen”


O Pleno municipal aproba a renovación de doce ordenanzas que recollen 14 bonificacións para potenciar o coidado do medio ambiente, o tecido asociativo local e axudar ás familias numerosas e monoparentais

O Concello da Coruña aprobou no Pleno ordinario do mes de novembro celebrado esta mañá todas as modificacións das ordenanzas fiscais presentadas polo goberno local tras o acordo presentado coa Marea Atlántica o pasado 25 de outubro. Todos os puntos relativos a estas modificacións de taxas saíron adiante.

Esta medida permitirá reformar 12 tributos e taxas municipais, con bonificacións e exencións para persoas e colectivos, e maiores cargas para determinadas actividades de carácter lucrativo. “Unha política tributaria máis xusta é a que distribúe mellor as cargas segundo as posibilidades das persoas, hoxe damos un paso máis cara unha maior xustiza social”, sinalou no pleno o portavoz do Goberno e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas.

As novas ordenanzas contemplan bonificacións do 50% na taxa por recollida e tratamento de residuos para familias numerosas e monoparentais, así como a creación dunha nova categoría pola que as vivendas vacacionais aboarán unha cota específica de 10,33 euros por cuarto, cun mínimo de 66,86 euros por vivenda. A mesma bonificación do 50% para familias numerosas e monoparentais aplicarase
tamén nas ordenanzas que regulan as taxas da auga e dos servizos de depuración e saneamento.

No caso da recollida de lixo, aquelas persoas que empreguen un composteiro terán tamén unha bonificación do 50% durante catro anos sobre a tarifa establecida que, un ano máis, non varía. Tamén terán bonificación as empresas que teñan contratado os servizos dun xestor autorizado de residuos.

As novas ordenanzas contemplan tamén por vez primeira na Coruña unha bonificación no IAE para as empresas cunha facturación de entre 1 e 2 millóns de euros (as que facturan menos de 1 millón de euros xa estaban exentas) que tiveran rendementos negativos no último ano fiscal. Ditas compañías veranse bonificadas cunha minoración de ata o 10% do imposto. “Introducimos unha bonificación pensando nas empresas, nos autónomos e pequenos empresarios, que son quen  M Mcrean emprego. O goberno de Inés Rey traballa coas máximas da protección social e a redistribución de recursos, pero tamén busca axudar aos xeradores de actividade económica e, polo tanto, de postos de traballo”, sinalou o concelleiro Lage Tuñas no Pleno.

O acordo entre o Goberno municipal e a Marea Atlántica aprobado hoxe polo Pleno supón tamén unha exención de taxas para as entidades veciñais e sen ánimo de lucro que empreguen as instalacións deportivas municipais, e a mesma exención no caso da taxa de mercados para a organización de actividades declaradas de interese xeral pola Xunta de Goberno Local, así como unha rebaixa do 50% para aquelas outras entidades sen ánimo de lucro que empreguen os espazos dispoñibles para a celebración de eventos en San Agustín e praza de Lugo.

Ademais, o Concello da Coruña gravará por primeira vez ás empresas de telefonía móbil polo uso do espazo público, eliminará parte das bonificacións por categoría de  rúas aos caixeiros automáticos accesibles desde a vía pública e actualizará as tarifas, despois de 11 anos, ás empresas que empregan o espazo público.

“A política fiscal impulsada por Inés Rey e consensuada coa Marea Atlántica supón unha clara aposta pola aplicación dun modelo progresista e máis xusto nesta cidade, na que o ano que vén pagarán menos os que menos teñen e compensarán esa diminución de ingresos municipais as grandes compañías que dispoñen de máis recursos”, indicou Lage Tuñas. Froito tamén dos acordos entre o Goberno municipal e a Marea Atlántica as escolas infantís municipais son, desde o ano pasado, gratuítas para todos os usuarios.

Outros asuntos
Ademais das modificacións das ordenanzas fiscais, tamén se aprobou unha mellora no campo 2 da Cidade Deportiva Arsenio Iglesias, que permitirá adaptar este terreo á práctica do rugby de categoría superior e instalar reforzos no firme. Aprobáronse tamén melloras no campo de atletismo das instalacións deportivas do Campus de Elviña, froito dun convenio entre o Concello da Coruña e a Universidade da Coruña.

Finalmente, o Concello confirmou que se personará no procedemento xudicial aberto por unha entidade contra a ordenanza que regula o uso do galego na administración local e que foi aprobada no pleno o pasado mes de xuño.