A iniciativa, pioneira en Galicia dende 2013, evitou nas súas dúas edicións desperdiciar máis de 800 quilos de comida nos locais participantes
O Concello da Coruña, a través da área de Medio, que dirixe Enrique Salvador, informa de que a iniciativa Coru…ñam!, que a Concellaría desenvolveu durante os dous últimos anos, foi unha das experiencias seleccionadas polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio para representar a España na Expo Milán 2015, cuxo lema é Alimentar o planeta, enerxía para a vida.
O Ministerio presentará a este evento unha selección de iniciativas relacionadas con tres grandes desafíos: promoción da dieta equilibrada para as persoas e para o planeta; redución do desperdicio alimentario; e fortalecemento da innovación agraria para alimentar o planeta. As propostas seleccionadas formarán parte dos tres catálogos que se editarán (un por desafío) e que se difundirán tanto a través de medios online coma no pavillón de España da Expo Milán 2015.
Coru..ñam! é unha campaña que se celebrou por primeira vez en 2013 e que se enmarca na Semana Europea da Prevención de Residuos, un proxecto apoiado polo Programa LIFE¬¬+ da Comisión Europea co obxectivo de aumentar a concienciación sobre a prevención na xeración de residuos. É unha iniciativa pioneira en Galicia que ten como finalidade contribuír á racionalización do uso da comida, fomentando a minimización dos desperdicios xerados nas actividades de restauración e que, nas súas dúas edicións, evitou desperdiciar como residuo máis de 800 quilos de comida. Para logralo, a campaña achegou aos locais participantes (30 na última edición) tanto información coma os medios necesarios para que os clientes puidesen levarse á casa os alimentos sobrantes.