Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño reconverterá a antiga escola de Igrexafeita nun centro de estimulación terapéutica para persoas con alzhéimer e outras demencias


A antiga escola de Igrexafeita converterase dentro de pouco nun espazo pensado para apoiar ás persoas enfermas de alzhéimer ou que padezan outros tipos de deterioramento cognitivo. Será un lugar onde tanto elas como as súas familias atopen información, axuda especializada e, sobre todo, un catálogo de actividades conducidas por profesionais que lles axuden a manter durante o maior tempo posible aquelas facultades que aínda conserven. Trátase dun proxecto pioneiro no rural que nace con vocación de servizo a San Sadurniño e ao resto da comarca. O investimento achégase aos 300.000 euros que se destinarán á rehabilitación completa do edificio para adaptalo a esta nova finalidade. O pleno municipal votará este serán -19:00h- nunha sesión extraordinaria tanto o plan das obras como a solicitude da colaboración económica da Deputación da Coruña.

O inmoble, situado no lugar da Torre, en Igrexafeita, deixou de funcionar como escola hai xa 30 anos. A principios dos 90 saíron de alí os últimos nenos e nenas da parroquia que mantiñan activo o grupo escolar, que logo sería empregado durante algún tempo pola A.VV. Adiante como local de reunión e espazo de distintas actividades. Porén, cando a asociación veciñal mercou e rehabilitou a antiga casa reitoral da parroquia, a vella escola da Torre ficou abandonada.

Trátase dunha edificación de 250 metros cadrados divididos en dous andares. No baixo hai na actualidade dúas grandes aulas, mentres que no superior se encontraban as dúas vivendas para o profesorado. O proxecto deseñado pola arquitecta municipal, Montserrat Ruíz, describe unhas obras de rehabilitación integral co obxectivo de axeitar a escola a un uso sociocomunitario, nomeadamente ao relacionado coas terapias cognitivas para persoas con alzhéimer -ou outras demencias- e o apoio ás súas familias.

Os traballos non modificarán a estrutura e consistirán na mellora da envolvente e das fiestras para acadar mellores condicións de illamento térmico, ademais de renovar o interior co obxectivo de que tamén teña boas condicións de illamento sonoro e de habitabilidade.

Ademais o edificio mellorará en accesibilidade coa instalación dunha rampa lateral e dun ascensor cuxo corpo irá polo exterior da fachada para non comer espazo interior nin tampouco deixar inutilizado o xa de por si reducido oco da escaleira.

Por outra banda tamén se pretende que as instalacións sexan da máxima eficiencia enerxética, algo que se conseguirá combinando o illamento cunha calefacción por aerotermia e con iluminación led.

O pintado, o cambio das carpintarías e a instalación de falsos teitos completan un proxecto cuantificado en 299.850,69 euros que se prevén financiar cunha achega da Deputación da Coruña. De feito, no pleno deste serán o que se someterá a votación será a aprobación do plan da obra e tamén a solicitude formal desa colaboración económica, xa confirmada polo ente provincial. Agárdase que o asunto saia adiante por unanimidade despois de ser ditaminado favorablemente onte en comisión informativa polos tres grupos municipais.

Tal e como sinalou esta mañá o alcalde, Secundino García, “o importante non é tanto a obra en si, que nos permitirá poñer en valor un edificio que estaba en desuso, senón a finalidade que terá despois como lugar onde se desenvolverán obradoiros e actividades para persoas con alzhéimer e outros procesos de deterioramento cognitivo. É un proxecto pioneiro e moi necesario no rural”.

Centro de referencia comarcal
O Concello leva tempo en conversas con AFAL Ferrolterra -entidade que leva anos traballando neste ámbito- co obxectivo de reforzar no municipio a atención a persoas con alzhéimer xunto co apoio ás súas familias. Neste sentido, as instalacións de Igrexafeita funcionarían como espazo de referencia para San Sadurniño e tamén para outros municipios da volta “onde non existen opcións especializadas deste tipo”, puntualiza Secundino García. “En San Sadurniño temos unha residencia privada, centro de día público e Servizo de Axuda no Fogar. O proxecto que queremos levar adiante virá complementar a carteira de servizos de benestar con actividades dirixidas principalmente ás persoas que están nas primeiras fases do deterioramento pero que aínda teñen certo grao de autonomía. Tamén queremos facilitarlles ás familias apoio especializado e información sobre unha enfermidade que na maior parte dos casos vai evolucionando sen que haxa diagnóstico médico”.

Na actualidade non hai cura para o alzhéimer nin tampouco maneira de recuperar as facultades perdidas debido a esta enfermidade, aínda que si é posible manter durante máis tempo as que aínda se conserven -as chamadas “reservas cognitivas”- por medio de sinxelos exercicios de estimulación. O Concello e a asociación queren impulsar este novo servizo supervisado por terapeutas profesionais no que se traballarían, entre outras, a coordinación psicomotriz, a linguaxe, a lectura, a orientación espazo-temporal, as relacións interpersoais, a xestión da frustración, etc., con actividades adaptadas ao grao de evolución da enfermidade.

Ademais de ofrecer esta atención especializada a persoas que sofren un deterioramento das funcións cognitivas, o centro tamén lles proporcionaría ás familias un breve tempo de respiro e ferramentas útiles para os coidados, como son as pautas para unha correcta relación coa persoa enferma ou como previr a síndrome da coidadora, que lle afecta a aquelas persoas que asumen a atención durante a maior parte do tempo, case sempre mulleres, fillas, noras ou parentes cercanas.

Obradoiros ao redor do alzhéimer a partir de xaneiro
Aínda que as obras no centro sociocomunitario de Igrexafeita se pretenden “axilizar todo o posible”, cabe esperar que non se completarán ata dentro duns meses. Porén, o Concello e AFAL teñen intención de iniciar o traballo coas potenciais usuarias e usuarios xa no mes de xaneiro promovendo obradoiros de estimulación cognitiva que, dependendo da demanda, poderían ser itinerantes por distintos locais parroquiais.

Para falar dos servizos que ofrece a entidade e organizar os obradoiros de estimulación, o Concello organizou unha charla informativa que terá lugar no local social de Lamas na tarde do martes 14 de decembro (proximamente concretarase a hora). Para participar neste encontro é preciso inscribirse antes do 3 de decembro no 981 490 027 ext. 1 ou a través do correo pilar.calvo@sansadurnino.gal.