No 30 de outubro finalizou o prazo de recepción de orixinais para o IV Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro que convocan o Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia. Agora, a Concellaría da Cultura, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), deu a coñecer que a presente convocatoria conta coa participación de 29 obras.
O premio supón unha dotación económica de 3 000 euros, a publicación da obra gañadora na colección Árbore da Editorial Galaxia e o repartimento de exemplares entre a rapazada da Pobra. O xurado está composto por tres persoas de recoñecido prestixio na literatura infantil, unha delas da propia editorial: Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia; Loretta Birott Bermejo, escritora; e Marta Neira Rodríguez, filóloga e ensaísta. O ditame darase a coñecer no 30 de novembro e a entrega do premio será no mes de decembro.
O dito certame é concibido como un medio para promove-los novos autores e autoras en lingua galega de literatura infantil, así como homenaxea-lo mencionado escritor.
Nas súas tres primeiras edicións, os galardóns recaeron en Patricia Mallo, con Os Fantom; Xosé Antonio Neira Cruz, con O enigma do baúl pechado; e a terceira convocatoria quedou sen adxudicar, por estima-lo xurado que ningunha das obras presentadas acadaba a suficiente calidade literaria.