― O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, informou no Parlamento de Galicia da suba dun 15% nas compensacións económicas a avogados e procuradores, que estarán vixentes desde o cuarto trimestre deste ano
― Martín subliñou tamén que o prazo medio de pagamento non supera na actualidade os 25 días, o que coloca a Galicia entre as comunidades autónomas que mellor atención prestan á xustiza gratuíta
― Os Orzamentos da Xunta para o 2022 destinan unha partida de 13,3M€ específica para a asistencia xurídica gratuíta
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para defender que a comunidade autónoma galega está entre as que mellor atención prestan á xustiza gratuíta logo de aprobar a Xunta un incremento dun 15% de media nas compensacións económicas a avogados e procuradores e de acurtar a 25 días o prazo medio para o seu pagamento.
Martín recordou que a Xunta acordou a partir do ano 2009, da man dos colexios de avogados e procuradores, mellorar a prestación da xustiza gratuíta e actualizar os baremos de compensación aos letrados e procuradores, un acordo que se mantivo e que se foi actualizando ata o ano 2017, momento no que se revisaron á alza as cantidades indemnizadoras por cada procedemento, cunha suba media superior ao 8%. O convenio, cunha vixencia de catro anos, está a piques de vencer, polo que se retomaron os contactos cos representantes dos Consellos da Avogacía e dos Procuradores de Galicia.
A raíz dese acordo, a Xunta reafirmou o compromiso coa asistencia xurídica gratuíta, unha aposta grazas á que Galicia se sitúa actualmente entre os primeiros postos de España no referente ás compensacións aos profesionais da quenda de oficio. Este compromiso xa se reflectiu nos orzamentos de 2022, cunha partida de 13,3 millóns de euros específica para a asistencia xurídica gratuíta.
Ademais, o Goberno galego foi quen de acurtar o prazo medio de pagamento aos 25 días. De feito, todas as xustificacións do terceiro trimestre do 2021 que se recibiron correctamente foron xa liberadas aos Consellos, correspondendo agora aos colexios a xestión dos pagos aos profesionais.
O Goberno Galego continúa avanzando así na mellora da asistencia xurídica gratuíta, un servizo fundamental para garantir a igualdade de acceso á Xustiza de toda a cidadanía. As novas contías estarán vixentes desde o cuarto trimestre de 2021 cun horizonte temporal de 4 anos.
No relativo aos avogados, supón un incremento do 15 % nos baremos que perciben por atender a quenda de oficio. Ademais disto, inclúe un incremento en base ao IPC galego na última anualidade. As melloras supoñen o incremento das contías en todos os procedementos, ademais de que tamén amplía a compensación a novos conceptos antes non contemplados.
Entre estes avances destaca incluso unha suba ao redor do 40% nos procesos sobre a adopción de medidas xudiciais de apoio a persoas con discapacidade e nos procesos de medidas en materia de familia, e tamén un incremento económico salientable nas contías que perciben os letrados na asistencia á orde de protección nos casos de violencia de xénero e doméstica.